Reportaxe: Sudor do Tractorista, os punkis de Sarria que homenaxean o rural
O Sudor do Tractorista é unha agrupación musical orixinaria de Sarria que naceu fai máis de dez anos despois de que un grupo de amigos encontraran unha mesma paixón, a música.
O grupo é variable,”xa tivo moitas formacións e moitas que lle quedan” afirma o grupo. “Nós creemos que os nomes propios sobran no noso proxecto artístico”. Co nome “Sudor do tractorista” queren facer unha homenaxe á vida rural, aos traballadores do campo e ao esforzo que supón este tipo de vida. Aínda que consideran que “hai que vir a un dos nosos espectáculos para entender o nome artístico do grupo”.
Ao preguntarlles como naceu a banda, fan unha referencia rural na que afirman que “o sudor do tractorista, é eterno pero nace sobre todo na época da herba seca, cando se saca o purín - entre risas-. Como experimento musical xorde xa hai unha chea de tempo, tanto que non somos capaces de recordar con exactitude” continúan.
A nivel musical, consideran que hai moitas bandas do seu estilo, aínda que destacan coma un gran referente á banda Jethro Tull que é unha agrupación musical de rock progresivo británica que se formou a finais de 1967 e segue aínda en activo, converténdose nunha das agrupacións de rock máis lonxevas.
Un dos seus obxectivos para este novo ano, o 2022 é “liala no Punkis de aldea deste ano” . Este é un festival que se celebra na vila de Sarria co fin de que o público poida desfrutar da música punk da man de diferentes bandas e grupos. Nas edicións pasadas achegáronse a esta cita musical cidadáns de toda Galicia, Asturias e o País Vasco.
As súas actuacións destacan pola interpretación de temas propios de carácter irónico e burlona onde podemos atopar títulos como Unha boa merluza ou Premios Darwin. Normalmente, as letras das cancións xorden de experiencias e anécdotas propias.
O seu éxito é tal, que xa conta cunha banda tributo O sudor do chimpín do que bromean afirmando “fan versión nosas, comparados con nos dan pena”. Xa que despois, nas súas redes sociais animan a que os seus seguidores acudan de público a outros eventos nos que participa devandita banda “O Sudor do Tractorista estamos de descanso e non tocamos, pero para os que teñades mono. Este próximo venres o Sudor de Chimpin xunto con Korto”.
A agrupación conta cunha gravación en cinta de 90 minutos TDK titulada Fruto de la E.S.O. A maiores, contan cuns temas dixitalizados baixo o nome Remasterizado en Zurich. A agrupación afirma que “o título é porque foi remastrizado en Zurich polo enxeñeiro de son David Lorenzo Mouirin”
Ao preguntarlles polo seu tema propio favorito destacan Droga Caníbal, unha canción que escribiron despois de que no ano 2018 saíra unha nova sobre este tipo de estupefaciente na cidade de Lugo. Á hora de salientar outro tema que non sexa propio e sexa dalgún grupo de música confirman “é difícil de decidir pero creo que Os ducados de Maskarpone”. Maskarpone é unha agrupación de música galega, de Ourense concretamente que fai música ska e reggae. Esta canción en concreto fai referencia as festas tradicionais de Galicia e ao seu licor café como gran atractivo das mesmas.
A súa última actuación foi no Buril en Sarria, unha das asociacións que se encarga de promover a cultura, a música e as bandas emerxentes na vila. A próxima cita programada neste establecemento será o 19 de febreiro co Rabudo’s Fest, unha xornada que xuntará aos grupos Untides, Brutal, Northslave e Schwarzengger.