Rexeitada a autorización para a construción de catro vivendas en Sarria
A sección segunda do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou conceder a unha empresa autorización para construír catro vivendas unifamiliares na rúa do Bosque en Sarria ao considerar que están proxectadas dentro do territorio histórico do Camiño de Santiago, declarado Ben de Interese Cultural, así como dentro do Convento da Mercé ou mosteiro da Magdalena, ben catalogado.
O alto tribunal galego salienta na sentenza que a parcela se atopa “dentro dos propios bens, non na contorna de protección do ben catalogado, nin na zona de respecto do Camiño de Santiago”.
Os xuíces avalan, polo tanto, a decisión de non autorizar a construción das casas. Así, indican no fallo que, tal e como expuxo a arquitecta autonómica, “o elemento protexido non só é a edificación, senón tamén o terreo asociado á mesma”, á vez que advirten que “non é posible a construción de vivendas na leira dun convento”.
O TSXG conclúe que existe “unha dobre protección: a derivada do Camiño de Santiago e a derivada da localización do mosteiro”. Ademais, asegura que as casas “limitan e desfiguran a contemplación das perspectivas do conxunto urbano e das súas características históricas, alterando e danando gravemente a esencial configuración do ben e do territorio histórico do Camiño Francés”.
Dende o alto tribunal tamén defenden que non serve co cumprimento das normas urbanísticas para considerar que as obras poidan ser compatibles co Patrimonio Cultural -xa que son competencias diferentes-, xa que, de feito, o patrimonio arquitectónico e cultural ten que ser respectado.