Rexeitan a moción do PSOE e BNG de Sarria en contra do proxecto de Votorantim

SarriaXa
Ambos partidos da oposición sostiveron que a fábrica “non debería estar nun núcleo habitado como é o de Oural”
Pleno-Sarria
20 Dec 2024

O pleno de Sarria, que se adiantou este mes de decembro para non facelo coincidir durante as festas de Nadal, situación que xerou discusión ao principio do mesmo, acolleu a discusión de diferentes mocións presentadas polos partidos da oposición.

A que máis transcendencia tivo foi a presentada conxuntamente entre o PSOE e o BNG, na que pediron ao Concello de Sarria que presente alegacións e que fale coa Xunta de Galicia para pedir a inadmisión do proxecto da empresa Votorantim, que ten a intención de proxectar unha planta de produción de combustible sólido recuperado a partir de residuos reciclados na parroquia de Oural.

Ambos partidos da oposición sostiveron que a fábrica “non debería estar nun núcleo habitado como é o de Oural” e sostiveron que dubidan que cumpra coas normas establecidas, así como temen polos efectos que poida ter no medio ambiente, así como a contaminación acústica.

Como contestación, o alcalde, Claudio Garrido, defendeu o proxecto, explicando que a planta vai clasificar, triturar e almacenar residuos non perigosos e que non poden ser reciclados de maneira convencional, pero que non van “combustionar nin transformar quimicamente”.

Neste caso, o PP tampouco apoiou esta moción, poñéndose de parte do Goberno local e sostendo que os técnicos “emitirán informes nos que se verá se a empresa cumpre a normativa”.

MÁIS MOCIÓNS

O Partido Popular presentou dúas mocións, unha para pedir un plan de recuperación da Veiguiña, que non saíu adiante, xa que os tres partidos da corporación lembraron a inversión da CHMS para mellorar este espazo; e outra, que si foi aprobada co apoio do PSOE, na que os populares pedían a mellora da recollida de lixo e a limpeza viaria. Camiña Sarria explicou que están elaborando o documento coas condicións necesarias para a contratación do servizo.

Finalmente, aprobouse a compatibilidade da concelleira nacionalista Mónica López para traballar na residencia de maiores, pero o PP e o PSOE pediron un informe porque “dos catro requisitos, cumpre dous”.

0.15192198753357