Rexístrase un terremoto de magnitude 3.7 na provincia de Lugo con epicentro en Sarria
![terremoto](https://sarriaxa.com/wp-content/uploads/2024/03/terremoto.jpg)
Un movemento sísmico cunha magnitude de 3.7 acaba de ser rexistrado na provincia de Lugo sobre as 16.39 horas deste venres, segundo os datos recollidos polo Instituto Xeográfico Nacional (IGN). O epicentro do terremoto situouse na parroquia de Betote, a preto de dous quilómetros de Sarria.
O sismo tivo unha intensidade baixa, polo que non deberían de producirse danos materiais nin persoais. Notouse especialmente en Sarria e na capital provincial, aínda que tamén puido apreciarse noutras localidades como Láncara, Castroverde, Rábade, Begonte, Baralla, Becerreá, Cospeito, Portomarín, Pol ou Outeiro de Rei. De feito, nalgúns concellos os veciños saíron á rúa asustados polo breve movemento de terra, que durou uns segundos, e polo ruído que lles semellou de maior intensidade que a que se rexistrou segundo a escala Richter.
Pola súa parte, noutros municipios como Escairón ou Monterroso sentiron o ruído pero non tanto o movemento, que tamén notaron na zona da costa e en localidades como Chantada, Taboada ou Monforte. Segundo o IGN o tremor tivo unha profundidade de 0 quilómetros, polo que foi na superficie. Moitas persoas alarmadas polo sismo quixeron compartir a situación a través das redes sociais. "Foi como unha explosión seguida dun breve tremor", "pensei que fora de máis intensidade, que se movía todo e máis o ruído" ou "moveuse todo" foron algúns dos comentarios dos lucenses.