Roberto Lolo organizará un sábado de cada mes dous espectáculos de maxia no Adarve
O mago sarriao Roberto Lolo anuncia unha nova aventura máxica que organizará na súa vila un sábado de cada mes e que contará con distintos artistas en cada ocasión.
Así, o espazo elixido para desenvolver esta iniciativa é o bar Adarve de Sarria, na sala traseira, que acollerá nun espazo exclusivo ata a 60 persoas, xa sexan veciños e veciñas ou calquera persoa que se anime a participar.
Cada sábado, empezando polo próximo 12 de outubro, terá lugar un espectáculo de maxia infantil ás 18.30 horas e outro para adultos ás 22.30 horas.
O mago Roberto Lolo anima a toda a veciñanza a participar desta iniciativa lembrando que para participar haberá que mandar un whatsapp ao número 663 340 067 e cada persoa recibirá un contrasinal máxico para poder acudir á sala.
Estas actuacións terán un custo de 5 euros por persoa para compensar o artista que vaia actuar, e as persoas que, ademais de ver o show, queiran cear no Adarve, poderán facelo entre as 20.00 e as 22.00 horas.