Rocío López, escritora: “Láncara é o meu refuxio, onde comezou o meu amor pola escritura”

SarriaXa
Falamos con Rocío López Núñez, escritora da parroquia de Monseiro, en Láncara, que xa ten publicadas cinco obras de xénero novela negra e está elaborando a sexta.
Rocio Lopez
8 Oct 2023

Falamos con Rocío López Núñez, escritora da parroquia de Monseiro, en Láncara, que xa ten publicadas cinco obras de xénero novela negra e está elaborando a sexta.

Por Jessica Fernández Cerdeira.

De onde vén o seu amor pola escritura?

O meu amor pola escritura vén desde ben pequena. Gustábame moito o tipo de lectura detectivesca, pero non tiña de pequena o acceso que hai hoxe a tanta diversidade de lectura.

Eu collía libros da biblioteca e empecei por aí, lendo e creando as miñas propias historias na miña habitación.

Cando comezou a escribir e que che impulsou a escribir o teu primeiro libro?

Comecei a escribir cando perdín o meu primeiro traballo. Eu son unha persoa súper activa e necesitaba facer alfo como fose. Así, empecei de broma xerando unha historia e cando rematei a metín nun caixón. Meu marido, que era a única persoa que sabía o que eu estaba a facer, animoume a que ese esforzo non quedara así e que polo menos o vira recompensado dalgunha maneira, aínda que fose para dárllelo aos amigos.

Aínda que non foi a intención principal, decidimos buscar unha editorial de autoedición moi pequeniña que practicamente non nos fixo nin caso, non corrixiu o libro, pero aínda así sacámolo adiante con tan boa sorte de que empecei a darme de conta de que á xente lle gustaba o que escribía e comezaron a chamarme para facer presentacións e máis cousas. Así, o libro comezou a venderse e incluso esgotáronse.

De que trata a súa primeira novela?

A primeira novela titúlase ‘Nunca volverás a Pikeville’ e trata da historia dun asasino en serie na cidade de Nova York de Estados Unidos. Esta obra está protagonizada por un detective, unha persoa atormentada, que comeza a darse de conta de que hai moitos asasinatos na cidade, polo que comeza a investigar. Mentres, a súa compañeira dáse de conta de que os asasinatos teñen que ver con el moito máis do que el está disposto a asumir, polo que el enfróntase con ela e teñen unha relación persoal moi intensa.

Ao principio, el nega o que ten diante dos seus ollos, pero cada vez o asasino vai colocando cadáveres de forma sinistra e moi dura aos pés do detective e por toda a cidade. Preséntase como un asasino implacable.

A min gústame moito facer flashbacks e xogar co presente e co pasado para que se vaia conectado a historia e cambiar de localizacións para que se vaian conectando unhas cidades con outras, o que creo que é moi positivo para o lector.

O que creo que máis lle pode crear interese ao lector é que xero interese porque os capítulos son curtos, concisos e contados desde o punto de vista cada vez dunha personaxe distinta. É unha forma de escribir interesante que xera interese e engancha á xente.

Está traballando nunha nova novela, podería adiantarnos un pouco de que trata?

A última novela que estou escribindo é distinta, pero segue sendo novela negra. Quero darlle un pulo totalmente distinto ao que fixen coa última que teño publicada, ‘Eres sombra’, xa que creo que chegamos a un punto no que necesitamos arriscar  ao máximo aínda que poidas equivocarte, pero tamén podes acertar.

O que podo contar ata o momento é que é nunha cidade dura e fría, pero preciosa. Estoume acomodando ben a escribir nesta cidade unha novela que arranca cun asasinato de tres persoas nun xeriátrico: dous anciáns e unha persoa que non ten que ver nada co lugar. Así, os detectives e unha xornalista, que é a primeira vez que introduce este tipo de perfil, xa que sempre foron policías; comezan a investigar eses asasinatos que son brutais, pero que son totalmente distintos entre os tres e aparentemente tampouco teñen nada que ver coa xornalista, que é quen lle vai dar o impulso á investigación.

É o que che podo contar, porque está todo empezando, cara ao 50 % da historia, pero estame gustando moito e, nesta ocasión quero darlle unha motivación psicolóxica ás personaxes, centrarme nesas características psicolóxicas que temos os seres humanos. Eu son moi visceral e impulsiva e iso ten moito que ver coa miña forma de escribir. Por iso, quero darlle outro enfoque distinto, que non sexa exclusivamente policíaco, tamén psicolóxico. Tamén é interesante a trama amorosa, que tamén impulsa a investigación. Quero levar ás personaxes ao límite e ver como se senten. Isto desta maneira saíume ben e quero seguir facéndoo, non concibo a escritura doutra forma.

A súa última novela publicada, ‘Eres sombra’, como foi o proceso de publicación ao coincidir coa pandemia?

Para min foi unha renovación con respecto ao que construíra anteriormente, non só cambiei de editorial e saín da autoedición, senón que chegou a pandemia e todo quedou paralizado, polo que me deu tempo de traballar a obra moito máis, darlle unha volta e arriscar máis. Saín de Nova York e marchei a Orleans. Cambiei de personaxes e saín da zona de confort. Para min foi fundamental non seguir no mesmo por moi cómoda que me sentira. Aprender máis e estudar máis das personaxes, a cidade... todo iso aportoume frescura como escritora.

Con ‘Eres sombra’ desenvolvín varios clubs de lectura, que aportan moito e outro punto de vista distinto, xa que tiven que defender algo totalmente distinto ao que xa coñecía o público en xeral. Falamos de temas totalmente distintos aos que falaramos e, sobre todo, desde o punto de vista psicolóxico, a trama engancha. Este xénero é moi agradecido, pero tamén ten un público moi estrito e esixente, xa que o público de novela negra está moi preparado por norma xeral, tanto adulto como infantil, teñen un nivel de lectura impresionante.

Gústame que me digan que compliquei o libro ao máximo no bo sentido, xa que se lles fixo difícil de seguir a trama, pero véndose forzados a prestar atención, e iso é o que me gusta, porque me dou de conta de que subín o nivel de escritura e que a xente respondeu da mesma maneira. Non foi fácil escribir a novela e para o lector foi difícil de ler porque as personaxes son distintas e hai que estar atento, pero é bonito escoitar que á xente lle gusta a forma que tes de escribir.

Que é o que máis valora dos clubs de lectura a outras actividades para dar a coñecer as súas novelas?

É unha faceta máis debemos ter calquera tipo de escritor, xa que é algo que nos enriquece máis a nós a pesar de que nós damos algo de nós mesmos. Cando ti escribes estás só, es un todo metido nunha cápsula e tenche que gustar, pero tamén debemos aportar algo e medramos crecemos como escritores con todo o que nos aporta todo este tipo de experiencias sexan feiras do libro, clubs de lectura, talleres infantís, xuvenís ou para maiores... e sempre me aportan máis a min do que dou eu porque escoito cousas das miñas novelas das que non me dera de conta e eses puntos de vista ou erros que ti non ves, puntos de vista totalmente distintos, eu creo que é algo que nos fai crecer como escritores e que nos aporta un punto de vista distinto. A min encántame e desfrútoo moito, pásomo súper ben e nun ambiente relaxado saen un montón de cousas, preguntas e cuestións que de non telo feito, non saberías.

O que máis me gusta é escoitar as sensacións do que ti escribiches e o que provoca nos demais. Unha anécdota que me pasou foi que unha vez unha rapaza quedouse co meu número tras unha destas actividades, nunha feira do libro, e escribiume unha mensaxe na que me dicía que o meu libro a sacara da depresión pola que pasara ao falecer o seu pai. Ti podes estar pasándoo todo o mal que queiras, pero hai que seguir escribindo porque este caso desta rapaza é unha razón máis que suficiente como para pelexar e seguir loitando por isto. Dáme igual o número de ventas, que guste máis ou menos, pero isto si que é unha das cousas que me fixeron continuar.

Aféctanlle as críticas?

Aos clubs de lectura hai que ir coa mente aberta, sabendo que che poden dicir de todo. Non teño ningunha experiencia desagradable, sempre me enriquece moitísimo e sempre que vou estou disposta a todo. Todo isto sácame do meu ego, sácame do meu mundo e tes que expoñer a túa criatura ante a xente, abrirte en canal e ver o que aporta. Debemos entender as críticas positivas e tamén as cousas que che din para mal, debes quedarte con elas e construír a partir de aí.

Como é combinar a escritura coa actividade que desempeña laboralmente?

Os dous ámbitos teñen máis en común do que pode parecer nun principio, xa que en ambos hai unha parte na que estás ti soa e unha parte de traballar cara o público.

Eu traballo nunha pensión atendendo a peregrinos que chegan facendo o Camiño de Santiago a través do Camiño Francés e unha das cousas que máis me gustan é que nunca sabes como vai ser o día, que te vas encontrar e a que te vas enfrontar. Pois iso mesmo pasa cunha novela, que cando a sacas ao público non sabes como vai reaccionar o lector.

Por iso, as dúas profesións non son excluíntes, para min son dous mundos que se compaxinan perfectamente un co outro, un desfrútoo e do outro vivo e tamén desfruto.

Pódese vivir de escribir novelas?

Non se pode vivir da escritura. Desde o meu punto de vista só poden facelo 45 persoas tocadas cunha variña máxima impulsadas polo ámbito comercial, que non deixa de ser sorte. Non digo que sexan malos escritores, obviamente, teñen millóns de lectores e son bos, pero teñen sorte. Eu non aspiro a iso para nada, eu aspiro a seguir facendo o meu traballo o mellor posible e se vén nalgún momento da miña vida, benvido sexa, eu vou seguir sendo a mesma e traballando do mesmo porque me encanta traballar no Camiño de Santiago.

Antes, traballaba no sector dos transportes e loxística, que non me gustaba e cunhas condicións moi duras, pero afortunadamente conseguín deixalo e agora traballo nun ámbito que me gusta. Espero que me sigan deixando traballar aquí, que é un mundo marabilloso, con cousas boas ou malas, como ten o traballo de escritor. Gústame porque son compatibles, pero non aspiro a vivir de escribir.

Que é o que lle inspira para escribir?

Escribir foi o que me salvou de pequena vivindo eu sola no rural. Antigamente, o rural non era como o coñecemos agora, que estamos todos interconectados. Eu estaba soa no rural, practicamente illada e, a pesar diso, nunca quixen marchar do rural. É o meu refuxio. ¿Pero por que conseguín converter algo que en principio era negativo en algo positivo? Porque fun capaz de abrir mundo poñéndome a escribir no lugar que agora é o meu refuxio e a miña inspiración.

Eu era unha nena moi solitaria, pero porque eu quería en gran parte. Eu sentíame cómoda comigo mesma e cos meus libros. Cando conseguín arriscar e poñerme a escribir non foi algo que me custase moito, porque eu levaba isto dentro de min. A escritura é un refuxio para min, dáme igual dedicarlle 10 minutos ao día, pasar un mes sen escribir ou pasarme tres meses seguidos escribindo.

Láncara é un lugar que inspira ou caracteriza as súas novelas?

Láncara é un refuxio. Eu podo escribir en calquera sitio: colgada dun pino, sentada nun tren ou metida nun coche, pero o sitio que a min me relaxa é onde vivo. Eu sento na casa diante de todo ese verde e esa tranquilidade e esa paz transmítenme ganas de escribir. Ademais, eu escribo xustamente do contrario ao que a min me fai sentir en casa, pero iso é o que necesita para que a miña imaxinación vaia cara a un lado, mentres eu sigo vivindo no rural.

Eu síntome moi afortunada porque atopei a unha persoa, o meu marido, que quixo virse ao rural, polo que eu nunca me vin obrigada a marchar e iso sempre llo vou agradecer, porque aquí está o meu lugar, o meu refuxio.

Non me gustan as persoas que rexeitan de onde veñen. Meu pai era gandeiro e a miña nai ama de casa e pasámolo fatal, pero non me sinto avergonzada do que son, son de alí e estou súper orgullosa da xente do rural que conseguiu algo na vida, xa que lle custou moito máis que a unha persoa que tiña máis posibilidades e non o soubo aproveitar. Todo isto é como unha homenaxe a todas as persoas que viven no rural.

Por último, podería dicirnos cal é o seu xénero preferido? E escritor?

Agora mesmo non leo practicamente nada porque non teño tempo e, ademais, son das  persoas que se escribo non podo ler ao mesmo tempo, necesito que as actividades estean separadas.

O meu xénero favorito, obviamente, é a novela negra, pero encántame a novela de terror escrita por Stephen King. A min, como como lectora, provocoume medo e apareceume un sentimento tan poderoso que me enganchou de semellante maneira que non puiden deixar de coller todo o que tiña ese home. Non é o xénero que máis me gusta, pero para min é o rei absoluto. Calquera cousa que escriba está ben, a pesar de que hai un libro que non conseguín terminar de ler. Ata os bos teñen libros que non son tan bos.

Rocio Lopez
Rocio Lopez firma
Lancara casa

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.080418109893799