Rocío Magalí, de Rebuldeira Teatro: “Necesitamos un Auditorio en Sarria para acoller todo o público que temos”
Por Jessica Fernández
“A mostra é unha homenaxe ao noso compañeiro Iván". Con esta frase resúmese o espírito de Rebuldeira Teatro e da Mostra Iván Tourón Morais. "En 2022 decidimos organizala, polo que este é o terceiro ano que se fai, e a verdade é que este ano arriscamos moito traendo as propostas que trouxemos. Das 5 actuacións, tres foron diferentes a anos anteriores, non foi o típico teatro, senón que foi diferente. Por exemplo, veu un grupo con diversidade funcional e tivo moitísimo éxito, e trouxemos outra peza que falaba de violencia de xénero. É dicir, non é comedia sen máis, intentamos crear unha mente máis aberta no tema do teatro para que a xente poida dicir se lle gusta ou non, xa que se o ven, poden opinar”, explica a presidenta da Asociación.
“Estamos creando conciencia teatral e fidelidade para a cultura do teatro, xa que a xente en Sarria xa sabe que a partir de setembro e ata decembro incluído, todos os domingos ás 20.00 horas teñen unha cita na Casa da Cultura e vemos que á xente lle gusta moito este mundo arredor do teatro”, destaca Rocío.
Así, valora a evolución do grupo teatral desde a súa creación en 2011 como algo “moi positivo, xa que cada vez que actuamos, enchemos a Casa da Cultura”. E lembra antes eran 17 persoas, porque había unha aula de teatro municipal en Sarria creada como unha actividade do Concello, e da que naceu despois a asociación Rebuldeira Teatro. “Como había certames aos que non se podían presentar, decidiron crear a asociación e durante a pandemia da Covid truncouse a aula de teatro e só quedamos nós como asociación, que ademais o tivemos difícil para subsistir”, explica. Agora hai nove persoas que “están completamente comprometidas”. A presidenta argumenta que “é mellor ter poucas persoas pero que están ao 100 %, xa que o teatro é unha actividade que esixe moito compromiso e non hai substitutos, se falta unha persoa, temos que cancelar a actuación. Polo que hai menos xente, pero funcionamos mellor porque hai implicación total”, sostén.
Por iso, no ciclo de teatro Fegatea que se desenvolveu desde o 27 de outubro ata o 17 de novembro, están vendo tamén unha moi boa acollida por parte da veciñanza de Sarria, aínda que “non arriscamos tanto como na Mostra de Teatro Iván Tourón Morais”, explica Rocío. “Todos os anos intentamos traer un grupo de cada provincia de Galicia e este ano non o conseguimos, porque nos faltou Ourense, pero compensamos con outros grupos”, explica.
AS NECESIDADES DA ASOCIACIÓN
Por outra banda, Rocío Magalí recoñece que o labor na asociación é “duro” e que ten “moita esixencia”. “Eu levo de presidenta estes últimos tres anos e hai moita burocracia, é complicado porque hai moita xestión, hai que falar cos grupos, organizar a onde imos, preparar todo para os que veñen, falar cos concellos... e sempre buscamos mellorar no grupo”, comparte.
Así, di que agradecen a axuda por parte do Concello de Sarria porque “nos deixa o local de ensaio na Casa da Cultura e un local na Feculera para gardar o atrezzo e a escenografía; así como tamén colabora nas actividades que facemos, como na Mostra e no ciclo Fegatea. Por outra parte, reciben unha aportación económica por cada representación que fan nos diferentes concellos e solicitan as axudas do apartado de Cultura da Deputación de Lugo para poder facer fronte a traer a Sarria a grupos profesionais de teatro e pagar a escenografía, o técnico de son e o de luces, e ao profesor de teatro durante todo o ano, xa que non contan con subvencións nin cotas de socios.
Con todo, a presidenta de Rebuldeira Teatro defende que terán que buscar outro lugar para gardar a escenografía que teñen agora na Feculera, pero sobre todo demanda un auditorio. “Sarria necesita un auditorio. Coas actividades que organizamos, fomos duplicando a audiencia, e agora temos tantas persoas que con 120 butacas queda o espazo xusto. Hai xente que queda de pé ao fondo ou nos laterais e tampouco é un sitio habilitado para persoas con diversidade funcional, como persoas en cadeira de rodas, xa que a pesar de poder acceder á Casa da Cultura, non hai espazo para que vexan a actuación, teñen que quedar atrás ou cortando o paso aos demais”, razoa.
Estas medidas son necesarias, para Rebuldeira Teatro, porque “o teatro é parte da cultura, como é a música, o cine ou a danza, é dicir, é unha parte máis e é súper importante en xeral pero tamén para Sarria, por iso hai que manter viva a asociación e as iniciativas que fomentamos”, subliña. “A xente de Sarria ten que ir ao teatro”.
ÉXITOS E PROXECTOS FUTUROS
Xustamente, a presidenta de Rebuldeira Teatro pon en valor o esforzo que fixeron para que despois da pandemia o grupo de teatro seguira adiante porque “o teatro permite que teñas un momento no te desfás das túas preocupacións do día a día e dentro desas catro paredes estás entretido e focalizado niso, e esquéceste do que che pasa na vida. Ademais, aquí estas vendo algo en directo e temos fallos e é gracioso tamén. Iso é que queremos transmitir: desconexión, ledicia, risas, e tamén fomentar a cultura, xa que as obras que representamos forman parte da literatura galega, como Os vellos non deben namorarse de Castelao.
Nesta obra, actúan David Iglesias, David Neira, Chus Tosar, Elvira Pallares, María Varela, Mila López, Mila Núñez, Vicky Pérez e Rocío Magalí Peccatiello, que son as persoas que conforman a asociación. “O noso éxito é que todas e cada unha das persoas que forman parte da asociación está completamente implicada e decidimos todos xuntos as datas das actuacións. Somos unha piña, máis ca unha familia. Somos como as patas dunha cadeira, se falta un, caémonos todos. E con respecto aos papeis que representamos, non hai papeis grandes ou pequenos, todos somos importantes”, mantén.
Con respecto aos proxectos de futuro, a presidenta sostén que seguirán organizando a Mostra e o ciclo Fegatea, e manter “todo o que facemos, que está moi instaurado”. Como grupo, explica que lles gustaría facer “outro tipo de teatro, como teatro de bares ou cousas diferentes para seguir fomentando un teatro enriquecedor e buscando propostas”. Pero, sobre todo, indica que lles gustaría recuperar o teatro infantil que se perdeu na pandemia ao desaparecer a aula de teatro. “Son os nosos deberes pendentes porque son moitísimos nenos os que veñen ver a Mostra de teatro os venres e enchen a Casa da Cultura e, ademais, necesitamos canteira. Pouco a pouco facémonos maiores e haberá xente que teña problemas para continuar, polo que queremos ter quen nos siga”.
Así, conclúe, para facer saber aos sarriaos os beneficios do teatro, que “é unha actividade completa, xa que les, fas exercicio, aprendes a falar en público, a proxectar a voz, socializas, coñeces xente, compartes tempo con xente e acabas formando unha familia”, pon en valor Rocío Magalí.