Roi Pérez López conquista o ouro galego e clasifícase para o Campionato de España

SarriaXa
O medallista da ANPA CPI Ramón Piñeiro da Pobra de San Xiao obtivo, por cuarto ano consecutivo, o ouro na categoría Qing Da Senior
Roi-Pérez-Kung-Fu-Láncara
25 Feb 2025

Roi Pérez López, membro do equipo Kung Fu Láncara desde o 2012, acadou a medalla de ouro na súa modalidade e categoría de peso no Campionato Xunta de Galicia de Artes Marciais Chinesas, celebrado o pasado sábado 22 de febreiro de 2025 en Ourense. Con este triunfo, clasifícase para o Campionato de España, para o cal xa comezou a prepararse.

O medallista da ANPA CPI Ramón Piñeiro da Pobra de San Xiao obtivo, por cuarto ano consecutivo, o ouro na categoría Qing Da Senior, menos de 70 kg, reafirmando o seu dominio na disciplina.

"Aínda que no equipo Kung Fu Láncara hai dous anos mudamos de Wu Shu como disciplina asociada dentro da Real Federación Española de Judo para Kung Fu, como disciplina asociada dentro da Real Federación Española de Karate, o noso prezado alumno e amigo Roi Pérez López continúa afiliado pola súa iniciativa na Federación de Wu Shu. Ano tras ano renova o seu título de campión galego na súa categoría e busca repetir o ouro no Campionato de España", comentou José Manuel Nunes, Laoshi (profesor) do equipo de Kung Fu Láncara.

Ademais, Nunes destacou a humildade de Roi: "É un rapaz moi modesto que non deixa de sorprender a profesores e compañeiros. O domingo escribímoslle polo grupo de WhatsApp para preguntarlle polo campionato e a súa resposta foi simplemente 'Mellores sensacións que no ano pasado'. Por fontes externas soubemos que acababa de quedar campión galego unha vez máis. É unha modestia habitual nel, un rapaz ao que tiven o privilexio de ver crecer e progresar desde os seus seis ou sete anos. Síntome moi orgulloso da súa actitude, porque sempre intentei facer reflexionar aos alumnos na búsqueda da motivación intrínseca fronte a estímulos exóxenos como os trofeos".

Agora, xa clasificado, Roi Pérez López prepárase para afrontar con determinación o Campionato de España 2025, onde buscará revalidar o seu éxito.

⚙ Configurar cookies
0.18026399612427