Rosa Díaz, Lúa López e Noa López representaron a Galicia nos primeiros Campionatos de España de Baloncesto do ano
As xogadoras de baloncesto sarriás, Rosa Díaz Ogbebor, Lúa López Tallón e Noa López Tallón; foron convocadas pola Federación Galega de Baloncesto para competir nos Campionatos de España de Seleccións Autonómicas Cadete e Infantil celebrados entre o 3 e o 7 de xaneiro en Huelva.
Concretamente, Rosa Díaz Ogbebor e Lúa López Tallón formaron parte da Selección Galega Infantil e Noa López Tallón participou coa Selección Galega Cadete.
Esta non era a primeira vez que participaban en campionatos coa Selección Galega, xa que Rosa e Lúa representaron a Galicia no Campionato de España de 3x3 Ou13 celebrado en Blanes o pasado ano, ademais de representar a Galicia en San Fernando en categoría Mini.
Pola súa parte, Noa pecha así a súa terceira e última participación nos campionatos de seleccións representando a Galicia ao terminar o seu ano cadete e non celebrarse xa en categoría junior.
Desde a contorna familiar das xogadoras, sosteñen que o seu "esforzo, traballo e sacrificio viuse recompensado e xuntas viviron unha experiencia incrible, chea de momentos que as fan crecer tanto dentro como fóra da cancha".