Rosa López, presidenta da Asociación Gorriós: “A asociación é un referente para todos os veciños”
Por Jessica Fernández Cerdeira.
Falamos con Rosa López, actual presidenta da Asociación Gorriós de Louseiro, en Sarria, que cumpre 20 anos desde a súa formación, xa que se creou en 2003.
Como xurdiu a idea de crear esta asociación hai vinte anos?
En Louseiro sempre tivemos moita inquietude por xuntarnos e desfrutar do noso tempo libre xuntos. Temos unha escola rural que daquela estaba un pouco abandonada e necesitabamos darlle uns arranxos.
Entón, xurdiu a idea de crear a Asociación Cultural os Gorriós para poder canalizar todas estas iniciativas, para poder facer forza para conseguir servizos e subvencións para facer do noso pobo un lugar máis agradable para vivir.
Como se desenvolveu a asociación neste vinte anos?
Nestes vinte anos a asociación foi evolucionando cos tempos de ser un grupo de amigos que se xuntan con moitos proxectos e moitas ilusións, a ter que buscar a maneira de legalizar todo, de darlle forma.
Como foi o proceso de adaptación da asociación durante e despois da pandemia?
Foi moi lento, con moito medo por se organizabamos algo e logo xurdía algún brote... Algúns queriamos organizar cousas e outros non por medo, non queriamos provocar problemas, e foi un momento delicado porque nós, como directiva, collemos a asociación no 2021 cando aínda estaban as cousas moi complicadas.
Que actividades organizan durante o ano?
Empezamos o ano co Entroido, que en tempos foi un evento moi destacado, non só para a comarca. Houbo anos en que había moitísima asistencia, agora decaeu bastante e o que facemos é unha festa infantil e o que queira asistir pode, e poñemos música e imos todos disfrazados.
A seguinte actividade é o San Antonio, a festa patronal de Louseiro, que acolle dous días: o sábado, que temos sesión vermú e queimada, e o domingo, cunha sesión vermú e verbena. Esta festa coincide antes do San Xoán, e temos actividades para os nenos. Estamos moi centrados nos pequenos porque antes non tiñamos e agora si, e derivamos cara a eles.
En verán facemos unha festa que se chama ‘Loseiro Ye-yé’, que consiste en vestirnos de ye-yés do ano 70 e facemos un guateque. Este ano non o fixemos, pero queremos facelo este ano.
O último fin de semana de agosto, o domingo, facemos unha comida de confraternidade no campo da festa de Louseiro. Xuntámonos para comer, traemos unha pulpeira e aproveitamos que hai xente de fóra que vén a casa.
Despois, toca o San Martiño Caníbal e, por último, o 31 de outubro celebramos o magosto no colexio de Louseiro e asamos as castañas.
O festival San Martiño Caníbal, como xurdiu a idea de organizalo hai 11 anos?
O San Martiño coincide co día máis próximo do San martiño e organizamos un festival de música no campo da festa con sesión vermú, cocido e, ao longo da tarde, unha actuación infantil e logo os grupos de música seguidos.
En Louseiro sempre houbo as festas do San Antonio e o San Martiño. A primeira festa sempre se celebra desde hai 20 anos, pero o San Martiño era unha festa de inverno que se celebraba e logo se deixou de celebrar. Así que a idea de recuperalo xurdiu coa idea de mellorala, dándolle unha volta e modernizándoa.
Ademais, David, do Buril, sempre estivo moi involucrado porque formou parte da directiva dos Gorriós e ten bagaxe no mundo musical, polo que sempre nos axuda e nos busca os grupos.
A actual directiva leva dous anos organizando esta iniciativa, como é o proceso?
Todos os que estamos na directiva imos rotando, sempre hai alguén que estivo con anterioridade.
Isto complicouse desde que empezamos ata agora, o tema de papelame fixo que se complicara todo moito, sobre todo para cambiar de directiva, o que imos facer en breves.
Porén, o demais organizámolo ben, xa que pedimos subvencións ás distintas administracións, que nos axudan, pero tamén somos conscientes de que as asociacións deben financiarse soas e a través das cotas dos socios e grazas a que tamén a asociación veciñal de Louseiro mercou hai anos o campo da festa da aldea, podemos facer cousas sen moito problema.
Agora cambia a directiva, cantos presidentes houbo?
Houbo catro presidentes: eu fun a primeira, despois relevoume Diego López, a continuación foi José Ángel Díaz Quintana, seguiuno Manuel López, logo volvín eu e agora relévame Quintana de novo.
Como é a acollida dos veciños e veciñas das iniciativas?
A xente está contenta co que facemos. Todos pensan que as nosas iniciativas son marabillosas e eu penso que valoran as cousas porque aquí nos coñecemos todos e saben as nosas situacións familiares e laborais, entón sacar tempo para iso é de valorar e a xente faino. Así que moi ben.
Por que é importante esta asociación para Louseiro e os seus veciños?
A asociación hoxe por hoxe é un referente para todos os veciños. Todas as iniciativas colectivas pasan por ela e dependen dela: dende a Internet a calquera arranxo que precise a nosa sede, e tamén todos os eventos que se organizan no pobo son organizados pola asociación.
Louseiro é unha aldea de arredor de 100 habitantes e a asociación é o noso centro cultural. Todo o que se poida facer por mellorar a vida da nosa aldea canalízase a través da asociación. O asociacionismo é unha maneira de loitar para conseguir servizos para a aldea.
No caso do San Martiño, dálle vida a Louseiro, fai que sexamos máis amigos, que esteamos máis unidos, e isto mellora a vida. Canto máis te relacionas coa xente, máis felicidade dá e ese é o obxectivo: facer feliz á xente. Hai xente que vive soa. Nas aldeas hai pouca xente, entón estas iniciativas fan que xurdan relacións.
Ademais, a min paréceme importante compartir actividades para todos os tipos de xente e entre distintas xeracións, entre avós, pais e nenos, que provocan o intercambio cultural.
E para o conxunto de Sarria e comarca?
Eu penso que esta asociación é un exemplo para toda a comarca. Destacaría o noso espírito altruísta, colaboracionista e continuado no tempo.
A pesar de ter pasado 20 anos, todos e todas as que estivemos na creación seguimos apoiando todo o que se fai, tirando uns polos outros, propoñendo novas iniciativas e dando alento dende dentro da directiva e dende fóra.
Paga a pena seguir?
Si, sempre merece a pena seguir, a pesar das situacións. Pero si, sempre merece a pena pola xente, por dinamizar o pobo, porque non se pode deixar morrer isto, paréceme moi importante que os nenos saiban de onde son, o arraigo, compartir isto entre eles cando sexan maiores e que se queiran como a xeración anterior.