Láncara: Ruta O Camiño Real
Existe un camiño antigo, coñecido como Antigo ou Camiño dos romanos que segundo a tradición popular data da época romana.
Trátase dun tramo dos chamados Camiños Reais, itinerarios que permitían aos viaxeiros e comerciantes da época trasladarse por todo o país.
É moi posible que formase parte dun dos trazados orixinais do Camiño de Santiago. De feito, aínda que hoxe existen roteiros de peregrinación máis transitadas cara á cidade do sepulcro, eran varios os trazados que seguían os peregrinos.
Isto en concreto, une o Camiño Francés co Camiño Primitivo, e transcorre polos concellos de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Triacastela, Láncara, O Corgo e Lugo.
En zonas montañosas como estas, era frecuente que os viaxeiros optasen por itinerarios máis agradables polo estado do tempo, sendo este un roteiro máis levadío, cunha pendente moi lixeira, inferior ao 5% en moitos casos, algo moi propio das vías romanas.
Transcorre por zonas altas, roldando cotas próximas aos 1.200 metros. Conta cunha lonxitude total duns 60 quilómetros desde Padornelo en Pedrafita, onde se separa do Camiño Francés ata a capital de Lugo, para atoparse co Camiño Primitivo.
O Camiño Real pode realizarse por etapas, no seu traxecto polo concello de Láncara iníciase no lugar do Furco, no punto no que se entroncan tres concellos: Becerreá, Triacastela e Láncara. No Furco documéntase a existencia dun mesón, que na época de invernía, serviría de gozosa acollida para viaxeiros, aínda que as comodidades fosen mínimas.
O Camiño segue un percorrido ascendente pasando polos lugares de Casabranca, Estaladoira, e preto dos Acibeiros, antes de chegar ó Busto toma dirección á Armada, continuando o seu ascenso, xa na parroquia de Sta. Olalla de Lagos. Atravesando o Monte da Medorra e o de Trandeira, chégase ó lugar de Galegos, fin de etapa neste percorrido onde había posta.
Seguindo o discorrer do Camiño, unha vez atravesado o río Armiela ou Galegos e logo de cruzar a estrada de Becerreá a Ventas de Narón , que conduce a Sarria, en dirección Sur, este ascende nunha das súas variantes cara o Monte de Leirado, hoxe por unha pista que permite o paso de vehículos, e que antes era unha “corga”.
A continuación atravesa unha pequena meseta que separa os vales do Neira e do Armiela, por terreos de monte baixo e, pasado o Monte de Leirado, descende cara o Val do Neira, deixando á dereita o fértil val de Láncara. Despois de atravesar o río Armiela por terreo de val e pasando polo centro do pobo de Sta. Mª da Lama, chégase á Ponte de Carracedo, unha fermosa ponte medieval , recentemente restaurada. O uso da ponte consta que era frecuente no século XVIII, como punto de encontro do correo procedente de Sarria, Monforte e Ourense, co resto de Galicia para dende alí ser enviado á corte de Castela. Tamén foi utilizada polo padre Sarmiento na súa viaxe a Galicia no 1745.
Unha vez atravesada a ponte medieval, o Camiño segue augas abaixo do río Neira, pola súa marxe dereita, atravesando por fermosas paraxes de vexetación abundante e pradería sempre verde, regada por múltiples quenllas que saen de encoros que remansan o seu curso.
Continuando a viaxe chégase ó lugar de Neira de Rapados, onde se encontra á dereita un singular pazo, hoxe dividido en vivendas de labradores, pero mantendo as propiedades que circundan a edificación. Segundo a tradición este pazo tamén foi pousada de cabaleiros que viñan dende a corte con dirección á Coruña.
A pouca distancia deste pazo atópase a “Casa das Agrolazas”, chamada así por ter unha gran extensión de terreo ó seu redor e pertencente entre outros a Antonio López Quiroga y Somoza, entre finais do S. XIX e comezos do XX.
Aquí se inicia un longo e demorado ascenso en dirección a S. Pedro de Bande, atravesando un paisaxe na que afloran numerosas penas graníticas moi redondeadas pola erosión, dando lugar a paisaxes moi suxerentes.
Dunha escritura do 23 de xullo de 1778 resulta que á altura das casas de Amado e Mosteiro denomínase á vía “Camiño Real”. Entra o camiño no concello de O Corgo pasado o Monte de Casanova e inmediatamente chega ás beiras do río Tórdea, que é atravesado por unha pequena pero airosa ponte, coñecida como Ponte de Lago e reflectida no mapa de Fontán.