O Incio: Ruta polo encoro de Vilasouto

SarriaXa
Descubre la ruta de senderismo por el embalse de Vilasouto en O Incio. Su recorrido es de 3,6 quilómetros y su dificultad es baja.
ruta vilasouto incio6
13 Mar 2022

En torno ó encoro de Vilasouto, no Incio, foi acondicionada recentemente unha ruta de sendeirismo que se caracteriza por unha ampla diversidade de atractivos de tipo paisaxístico, botánico, etnográfico e monumental. Unha pista sinalizada e provista de varias áreas recreativas discorre ó longo dunha grande parte do perímetro do encoro. Para facilitar o percorrido tamén se construíron pasarelas de madeira sobre as canles de varios arroios que discorren pola zona. Un dos aspectos máis destacados deste itinerario o constitúen as sinais que permiten recoñecer as diferentes especies de árbores e arbustos que se ven ó longo do camiño: castiñeiro, carballo, chopo, bidueiro, freixo, cerdeira, salgueiro, loureiro… Nas diversas paraxes que atravesa a ruta, ademais, é posible practicar actividades como o baño, a pesca, o ciclismo ou os xogos infantís.

A ruta empeza á entrada do pobo de Vilarreguenga, onde se atopa a casa de turismo rural Casa do Cabazo. Hai que saír por un camiño que parte á dereita da estrada que conduce a A Ermida e Cruz do Incio. Ós poucos metros hai que salvar o primeiro arroio por unha pasarela de madeira. Ó cabo de 600 metros, o camiño pasa a altura do hotel Hermida Rural, nunha paraxe onde existe unha pequena área de descanso con zona de baño e onde se contemplan unhas belas vistas do encoro. Uns 300 metros máis adiante hai que cruzar o arroio de O Porto por unha ponte de madeira.

A continuación, o camiño entra nunha zona de bosque na que se atopa a maior concentración de árbores autóctonas da ruta. No quilómetro 1,2, á esquerda do camiño, á altura da estrada, hai un aparcadoiro para bicicletas e uns metros máis adiante, un pequena área recreativa.

O camiño deixa atrás o bosque e sae á estrada. A partir deste punto, no quilómetro 1,7, a ruta corre paralela ó vial durante un bo tramo. Unhas varandas de madeira separan o sendeiro da vía asfaltada. Uns 500 metros máis adiante, o camiño chega a unha construción de madeira situada á beira do encoro. Trátase dun miradoiro habilitado para observar as aves e para desfrutar con máis comodidade da paisaxe.

No quilómetro 2,6 finaliza esta parte do camiño, á altura da ponte da presa de Vilasouto, que é preciso cruzar para continuar a ruta. Algo máis adiante está o pobo de Vilasouto, onde algunhas casas de labranza conservan a arquitectura tradicional da zona.

Despois de atravesar a vila, o camiño pasa polo campo da festa, onde hai outra zona de baños e unha ampla área recreativa. O camiño segue bordeando o encoro ó longo duns 400 metros ata chegar a unha carballeira. En fronte está a antiga igrexa de San Mamede de Vilasouto, de orixe románica, construída orixinalmente no século XII. Conserva algúns elementos románicos na súa rústica porta principal sen a penas ornamentación. Foi reconstruída en varias épocas e en xuño do ano 1936 sufriu un importante incendio. Ó seu lado atópanse as ruínas da casa rectoral. O camiño prolóngase uns cen metros máis, atravesa outra pasarela e acaba á beira do encoro.

Unha obra que transformou a paisaxe tradicional da zona fai 37 anos, a construción da presa de Vilasouto planeouse co fin de solucionar as necesidades de abastecemento de auga dos veciños de unha boa parte do val de Lemos. O encoro que recolle as augas do río Mao foi inaugurado en 1969 e supuxo unha importante transformación do medio natural da zona. O encoro anegou terras e vivendas, afectando sobre todo ás parroquias de Vilasouto, Goo e Eirexalba. Os núcleos de Barral, Illeira e Outeiro foron os que perderon un maior número de edificacións. O patrimonio histórico tamén se viu afectado por esta obra, xa que na paraxe coñecida como Agro do Pepe atópanse varias rochas con petroglifos que permanecen somerxidas durante a maior parte do ano.

Ó mesmo tempo que se perdían baixo augas numerosas parcelas de excelente terra de cultivo, creáronse en torno a este lago artificial unhas novas condicións de humidade e temperatura que favorezan a presencia de diversas especies arbóreas e arbustivas.

0.18397402763367