Samos acolle diferentes actuacións musicais durante esta fin de semana
O Concello de Samos, xunto coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza para esta fin de semana un conxunto de actividades para os veciños e as veciñas e para promocionar o Camiño Francés 2023 en Samos.
Así, o día 8 de xullo, sábado, terá lugar unha touciñada popular para todas as persoas que se acheguen que virá amenizada pola charanga Os Chafalleiros de Monterroso, así como a actuación do grupo Os Parentes.
Xa o domingo, 9 de xullo, o día comezará coa misa solemne, durante a que actuará o Coro Sarricanta, e a partir das 13.00 horas haberá un pasarrúas desde o Monasterio ata o campo da festa coa banda de música Egs-Ars Nova.
Pola súa parte, ás 14.00 horas actuará o grupo M-3 para amenizar a sesión vermú e a comida popular ata a tarde, na que ás 18.00 horas terá lugar un contacontos popular da man da bibliotecaria da montaña, Paula Buján, da Furgoteca.
A partir das 19.00 horas comezarán unha serie de actuacións musicais que non rematarán ata a madrugada. A primeira, da man do grupo Louband de Sarria, despois co grupo M-3, e a partir das 23.00 horas haberá verbena da man da Louband de novo e o grupo M-3 e Sabela.
A alcaldesa de Samos, Chus López, séntese moi orgullosa de conseguir que despois de 8 anos, volva haber algunha actuación o segundo fin de semana de xullo en Samos, un fito que conseguiu o seu goberno en 15 días e sen presuposto para ela.