Samos acolle este sábado unha ruta guiada polo Camiño Eufrasiano

O Concello de Samos e o do Incio organizan este sábado, 27 de setembro, unha ruta guiada polo Camiño Eufrasiano. A saída terá lugar ás 10:30 horas dende a Praza Vergara Vilariño, para continuar polo antigo lavadoiro ata chegar ao Santuario de San Eufrasio, no Val do Mao.
Durante o percorrido, os participantes contarán coas explicacións do guía Xaime Fernández, quen achegará información histórica e patrimonial sobre o itinerario.
A xornada rematará coa visita ao Santuario e coa inauguración da nova sinalización e a renovación dos carteis informativos na igrexa de Santo Eufrasio do Val do Mao, posta en valor para reforzar o atractivo cultural e turístico da zona.