Samos acolle unha xornada para poñer en valor o Camiño Francés como patrimonio da UNESCO

Este mércores, 28 de maio, Samos será escenario dunha xornada de difusión colaborativa dedicada a reflexionar sobre a importancia do Camiño de Santiago Francés como Patrimonio Mundial da UNESCO.
A cita, impulsada pola Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS), comezará ás 18:00 horas na Antiga Biblioteca de Samos e contará con entrada libre ata completar aforo.
O evento enmárcase no proxecto “Volver ao Camiño”, financiado polo Ministerio de Cultura, e busca explorar as múltiples facetas do Camiño Francés, recoñecido pola UNESCO no ano 1993.
A xornada ten como obxectivo principal xerar un espazo de diálogo aberto no que compartir ideas, opinións e propostas sobre como preservar e promover este legado de carácter universal que deixou unha fonda pegada cultural e de identidade no territorio.
O programa abrirase cunha benvida a cargo da alcaldesa de Samos, María Xesús López López. A continuación, presentarase o proxecto da man de representantes da AMCS, como Maximiliano Barrios Felipe e Pilar González Santoyo. Ás 18:15 horas, a historiadora da arte e museóloga Carolina Casal Chico ofrecerá unha conferencia titulada “De Samanos a Samos, sempre no e polo Camiño”, na que afondará na relación entre o municipio e o Camiño ao longo da historia.
A xornada rematará con mesas colaborativas coordinadas pola Secretaría Técnica da AMCS e cun peche previsto para as 19:30 horas. A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Samos e pretende reforzar o vínculo entre o patrimonio local e o Camiño como vía de encontro cultural.