Samos acollerá a estrea da serie documental sobre a vida e obra do misioneiro beneditino frei Rosendo Salvado

SarriaXa
En catro episodios de media hora, 'Rosendo Salvado: aventura e misión dun galego en Australia', relata a biografía de Rosendo Salvado
documental-sobre-a-vida-e-obra-do-misioneiro-beneditino-frei-Rosendo-Salvado-Samos
12 Dec 2024

O Concello de Samos acollerá a estrea da serie documental sobre a vida e obra do misioneiro beneditino frei Rosendo Salvado, dirixida por Valentín Carrera para Televisión de Galicia.

O acto terá lugar na Biblioteca antiga, ás 17.00 horas con entrada libre ata completar a capacidade, e contará coa presenza da alcaldesa de Samos, do Prior da Abadía beneditina e do director e equipo da serie.

En catro episodios de media hora, Rosendo Salvado: aventura e misión dun galego en Australia, relata a "incrible e fascinante" biografía de Rosendo Salvado, nacido en Tui en 1814, como viaxeiro, músico, escritor (os seus diarios conteñen un millón de verbas), emprendedor, teólogo (coñeceu a tres papas e participou no Concilio Vaticano), precursor da homeopatía, antropólogo e científico.

Unha vida tan emocionante como descoñecida, dentro e fóra de Galicia, de quen foi, en palabras de Valentín Carrera, “o primeiro galego global da historia, cuxas viaxes compiten con grandes exploradores como Cook, Darwin, Humboldt ou o tamén misioneiro David Livingstone. Rosendo Salvado cruzou dez veces os mares entre Europa e Australia, navegou máis de cen mil millas, levando e traendo, nunha xenuína viaxe de ida e volta, descubrimentos, achados, música, cultura, botánica, e novas sensibilidades no seu encontro co Outro”.

A cabeceira da serie inclúe as primeiras imaxes de Rosendo Salvado creadas con Intelixencia Artificial por Marcos Mosquera. Presenta os catro capítulos o xornalista Carlos Prado, a pé de localización; Alicia Dapena e Anxo Cabada dan vida á narración en off e á propia voz de Salvado, interpretadas respectivamente por Isabel Vallejo e Luis Iglesia.

Completa o relato a xestora cultural e pianista Andrea González, intérprete do recente disco Salvado Piano Works, baseado en partituras do monxe tudense. A cámara e montaxe estiveron a cargo de Javier Silva, con Paz Gutiérrez como ‘script’, e a produción executiva de Francisco González.

Na serie tamén interveñen o novo organista Martin Rodríguez e a soprano australiana Allegra Giagu; Albino Prada, profesor da Universidade de Vigo; Avelino Bouzón, arquiveiro dá Diocese Tui-Vigo; Fr. Davis e Fr. Robert Nixon, benedictinos de Nova Nursia; Francisco Díaz-Fierros, membro da Real Academia Galega; e o historiador tudense Rafael Sánchez Bargiela.

0.15655112266541