Samos acollerá o mércores Camiños e Cantares nos eidos da bremanza
As xornadas “Camiños e Cantares nos eidos da bremanza: unha Peregrinación literaria, cantada e falada” percorrerán Samos o vindeiro 20 de xullo.
Os actos en conmemoración do “60 aniversario da viaxe do periodista e escritor Álvaro Cunqueiro ao Cebreiro” e do “25 cabodano do poeta, Fiz Vergara Vilariño (Santalla de Lóuzara, 15/4/1953 – 18/7/1997)”, comezarán este venres, día 15 de xullo, en O Cebreiro, e o mércores, día 20, estarán en Samos, quedando para o mes de setembro a programación de Sarria e Triacastela.
A partir das 12.00 horas terá lugar a apertura dos actos co posterior relatorio ou canto de poemas, un recital colectivo e haberá xantar en Airapadrón. Todas as persoas que queiran participar neste xantar deberán anotarse antes do día 17 de Xullo (no correo periodistas.caminodesantiago@gmail.com ou no teléfono 660 33 36 21, María Xosé).
O presidente da Asociación organizadora, Xosé María García Palmeiro, e o coordinador das xornadas, o xornalista Luís Celeiro Álvarez, presentaron en Sarria dito programa destacando a colaboración das entidades culturais e de amigos do Camiño de Santiago que se uniron a este proxecto de Apecsa.
“Camiños e Cantares nos eidos da bremanza” inclúe catro xornadas, nos catro primeiros concellos galegos do Camiño Francés, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos e Sarria, para facer difusión e recoñecemento dos valores culturais do Camiño neste ámbito territorial, a partires da exaltación de dúas figuras ilustres das que se celebran senllas efemérides neste 2022: Os 25 anos do pasamento do poeta da Lóuzara xabreira, Fiz Vergara Vilariño, e a viaxe contada hai 60 anos xustos do escritor e periodista mindoniense, Álvaro Cunqueiro, pola rota que vai do Cebreiro a Compostela.