Samos acollerá unha ruta guiada polo monte de Toca para descubrir a súa biodiversidade

A Asociación Galega de Custodia do Territorio organiza unha nova ruta polo monte de Toca, en Samos, que terá lugar o vindeiro domingo 19 de abril entre as 10.30 e as 14.30 horas. Trátase dunha proposta orientada a achegar á cidadanía á riqueza natural deste espazo dun xeito didáctico e ameno.
A actividade consistirá nun percorrido duns 5 quilómetros cun nivel de dificultade medio-baixo, o que a converte nunha opción accesible para a maioría das persoas interesadas. Durante a ruta, as persoas participantes poderán coñecer de primeira man a diversidade de hábitats presentes na zona, así como as características ambientais que favorecen a presenza de distintas especies de mamíferos.
Neste sentido, a escasa presión humana no monte de Toca contribúe a que estes animais deixen pegadas visibles nos sendeiros, especialmente en zonas de lama, o que permitirá identificar rastros e comprender mellor a fauna que habita neste enclave.
Esta iniciativa forma parte do acordo de colaboración asinado no ano 2022 entre a propia Asociación Galega de Custodia do Territorio, a Comunidade de Montes de Toca e Cruz Vermella, co obxectivo de restaurar e conservar áreas afectadas polos incendios forestais.
No marco deste compromiso conxunto, desenvolveranse un total de sete actividades de posta en valor do territorio. A ruta prevista para o 19 de abril constitúe a primeira das accións programadas para este ano 2026.