Samos acolleu a presentación da primeira edición en galego do Tombo de Samos

Samos converteuse na tarde deste venres, 14 de novembro, no escenario da presentación da primeira edición en galego do Tombo de Samos, o códice fundamental da historia do mosteiro samanense. O manuscrito orixinal, datado no século XIII, consérvase no Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela e constitúe unha das fontes documentais máis relevantes da Galicia medieval.
No acto participaron a alcaldesa, Chus López, acompañada de Xaime Félix López Arias, coñecido como Arlindo, responsable dunha tradución que lle levou trinta anos de traballo rigoroso e continuado.
Durante a presentación, salientouse a importancia deste volume, que reúne 287 pezas que conforman o tombo primitivo e que inclúen rexistros reais, eclesiásticos e nobiliarios, así como documentos clave sobre a organización, a administración e o funcionamento do propio mosteiro. O conxunto abrangue un período histórico que vai desde o ano 785 ata o 1209.
Arlindo explicou que a recuperación do Tombo de Samos facilita a identificación dun amplo número de institucións monásticas que floreceron ao longo dos séculos en diversos territorios da Galicia histórica. No caso da Terra de Sarria, destacou que o estudo permite coñecer mosteiros e mosteirolos apenas mencionados ou escasamente investigados, vinculados todos eles ao Mosteiro de Samos e asentados nas bacías fluviais da comarca.
Ademais, engadiu que esta recuperación tamén fixo posible documentar a existencia de numerosos cenobios e pequenos centros relixiosos hoxe desaparecidos, así como antigas parroquias medievais e ermidas dispersas entre os vales do Neira e do Sil.