Samos acolleu unha conferencia sobre soia a cargo de Isabel Fernández Cruz
Isabel Fernández Cruz de Ecoloxistas en Acción mantivo no día de onte un encontro en Samos. A conferencia tivo lugar o pasado xoves 21 ás 17.30 horas co fin de presentar o informe elaborado pola organización polo territorio galego. “Coa soia ao pescozo. Pensos e gandería industrial no Estado español. Análise dos impactos dunha materia prima esencial para o sistema agroalimentario".
Neste informe fálase de cuestións como a gandaría industrial que foi gañando terreo en España e instalándose en zonas rurais, acaparando terreo e granxas integradas co paso do tempo. Este modelo trae consigo graves impactos ambientais, como a contaminación da auga, o aire, a perda da biodiversidade... así como impactos sociais, xa que se observa un despoboamento progresivo das zonas rurais, nas que se instalan macrogranxas mentres se están a perder as granxas tradicionais familiares e tódolos servizos ecosistémicos asociados a sistemas gandeiros tradicionais, extensivos e sustentables.
Ademais, tamén se centrou na soia, unha materia prima chave para o sistema agroalimentario industrial. A soia representa un ingrediente de gran valor, grazas á súa alta cantidade de proteínas e á súa riqueza en aminoácidos esenciais. Da produción mundial de soia, apenas o 6 % da faba enteira se destina á alimentación humana.
Isto débese, principalmente, á variedade e rendibilidade dos subprodutos que se obteñen do seu procesamento. Os máis utilizados son o aceite destinado á produción dos mal chamados biocombustibles e dos alimentos industriais, e a fariña e a torta de soia utilizadas na alimentación animal. A torta de soia, que é o ingrediente máis utilizado na produción de pensos, representa por si soa preto do 70 % do uso da soia na industria.
A soia entra en España principalmente polos portos próximos ás plantas de moedura, onde se transforma e se obteñen subprodutos cun maior valor engadido.