Samos apela á veciñanza para previr incendios limpando as leiras

O Concello de Samos vén de emitir un bando no que se insta á cidadanía a cumprir coa normativa vixente en materia de prevención de incendios forestais. A alcaldesa, Chus López, lembra que a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios de Galicia obriga ás persoas propietarias de terreos forestais ou próximos a zonas urbanas a manter limpas as súas parcelas mediante a correcta xestión da biomasa vexetal.
Esta medida, sinalan desde o Concello, é especialmente importante nos 50 metros perimetrais arredor do solo urbano, núcleos rurais, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, instalacións industriais e calquera outra infraestrutura situada a menos de 400 metros do monte. Nesa franxa tampouco se permite a presenza de especies arbóreas como piñeiros, mimosas, eucaliptos, toxos ou silvas, entre outras incluídas na normativa.
O bando recolle que, no caso de incumprimento, o Concello poderá notificar ás persoas responsables a obriga de limpeza, podendo chegar a executar os traballos de forma subsidiaria e impoñer as correspondentes sancións económicas, segundo o previsto no artigo 22 da lei de incendios.
Desde o goberno local fan un chamamento á responsabilidade veciñal para evitar situacións de risco durante os meses de maior perigo, e subliñan que a colaboración cidadá é clave para protexer o territorio fronte ao lume.