Samos celebra a XIV edición do seu Concurso de Tapas para dinamizar a hostalaría local

Samos volverá a ser un referente gastronómico na comarca co seu tradicional Concurso de Tapas, que este ano alcanza a súa XIV edición. A cita, organizada pola Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos, celebrarase os días 25 e 26 de outubro e reunirá aos locais Hotel Casa dos Gardas, Hotel A Veiga Samos, Tras do Convento, Albaroque e Mesón A Pontenova.
O presidente da asociación destacou que esta actividade “converteuse nunha cita imprescindible dentro do calendario local, xa que contribúe a dinamizar a hostalaría e a promover o consumo no pobo”. Cada un dos establecementos participantes ofrecerá dúas propostas: unha tapa tradicional e outra innovadora, cun prezo accesible que oscila entre 1 e 2,5 euros.
As persoas asistentes poderán degustar as creacións e votar polas súas favoritas, sendo o público quen decida cales serán as tapas gañadoras nas dúas categorías. Unha vez rematado o concurso, a organización realizará o reconto de votos e anunciará os locais premiados. Ademais, celebrarase un sorteo no que se entregará unha cea gratuíta para dúas persoas entre todos os participantes.
Segundo explicou o presidente, Fernández, o éxito desta iniciativa radica na súa capacidade para combinar gastronomía, participación cidadá e dinamización económica: “Levamos 14 anos con esta proposta, que ten moita aceptación e que ademais de fomentar o consumo nos establecementos de Samos, dálle vida ao pobo”.