Samos celebrará a terceira edición dos Cantos de Taberna con música en directo por oito locais

Samos volverá encherse de música e ambiente festivo o vindeiro 11 de abril coa celebración da terceira edición dos Cantos de Taberna, unha iniciativa impulsada pola Asociación de Comerciantes e Artesáns que continúa consolidándose como unha das citas máis animadas do calendario local.
Nesta ocasión serán sete os grupos participantes, procedentes de distintos puntos da provincia, que levarán a súa música polos establecementos hostaleiros do municipio. Entre eles estarán Son de Outeiro, de Outeiro de Rei; Os Corenta e Chinco, da Pobra de Brollón; Toxo Queimado, de Baleira; Cakiodoasma, de Chantada; e os grupos lucenses Foliada do Queixadoiro, The Cara-Cas e Os Sureños.
A actividade dará comezo arredor das 19:00 horas coa concentración das formacións na praza Vergara Vilariño, desde onde partirán para iniciar un percorrido musical por oito locais do municipio: o hotel Casa dos Gardas, o restaurante Albaroque, o mesón A Pontenova, o bar Abadía, Tras Convento, A Cantina de Renche, Casa de Aira Padrón e o hotel A Veiga Samos.
Durante varias horas, os grupos irán animando estes espazos con cantos tradicionais e música popular, creando un ambiente participativo que convida á veciñanza e aos visitantes a sumarse á festa e a seguir o percorrido.
A xornada rematará no campo da feira, onde a partir das 22:30 horas os músicos compartirán uns pinchos nun encontro final que tamén contará con actuación musical, poñendo así o broche a unha noite pensada para gozar da cultura tradicional e da convivencia.