Samos celebrou unhas festas patronais cunha participación e ambiente que non se vivía dende hai anos

SarriaXa
A alcaldesa destaca a emoción e a satisfacción veciñal por recuperar celebracións multitudinarias, cun concerto de Xabier Díaz que puxo a nota musical máis aclamada
Festas-patronais-San-Benito-Samos
14 Jul 2025

As festas patronais de Samos na honra a San Benito converteron esta fin de semana a localidade nun fervedoiro de xente e ledicia, recuperando un ambiente festivo que, segundo comentaban moitos dos asistentes, non se vía na vila dende había máis de dezaoito anos.

Tanto o venres como o sábado rexistrouse unha notable afluencia de público, con rúas e prazas ateigadas de persoas que gozaron dunha programación variada e do reencontro coa tradición.

A alcaldesa de Samos, Chus López, valorou de maneira moi positiva o desenvolvemento das festas, subliñando a emoción compartida pola veciñanza ao ver novamente tanta xente no pobo e sentir de novo a vida e a alegría nas rúas. “Estaban todos encantados de volver ter festas así, había moitísima emoción e satisfacción por recuperar estas celebracións que xa facían moita falta”, destacou.

Un dos momentos máis salientables foi o concerto do músico Xabier Díaz, que conseguiu implicar ao público co seu repertorio de música tradicional galega. Varias cantareiras de Samos subiron ao escenario para cantar e bailar, nun ambiente festivo que, segundo a rexedora, foi “unha marabilla”.

⚙ Configurar cookies
0.14496088027954