Samos contará con puntos sinalados con códigos QR para difundir a historia da vila
O Concello de Samos anuncia que está a piques de ofrecer unha experiencia innovadora aos seus visitantes mediante o uso de códigos QR. “Esta iniciativa permitirá aos turistas explorar a rica historia, cultura e beleza natural de Samos dunha forma interactiva e moderna”, explican desde o Concello.
Desta maneira, cun simple escaneo, os visitantes poderán acceder a información detallada sobre os puntos elixidos. Concretamente, os códigos QR proporcionarán datos históricos, anécdotas e lendas que ofrecen unha comprensión máis profunda do lugar.
Estes estarán situados estratexicamente tamén en espazos naturais, ofrecendo guías interactivas que destacan a flora e a fauna locais, así como vistas panorámicas imprescindibles. “Isto permitirá aos excursionistas gozar dun percorrido informado e completo”, argumentan.
Ademais, engaden que este proxecto comeza agora, pero preténdese que teña continuidade no futuro ata completar unha longa rede de códigos QR sobre os recursos turísticos, naturais, gastronómicos... e moita máis información para todos os que se achegen ao Concello de Samos.
“Esta forma innovadora de explorar Samos promete enriquecer a experiencia de cada visitante, conectándoo co pasado e co presente deste tesouro galego”, conclúen.
Desta maneira, contan con ter instalados estes QR para o vindeiro 15 de novembro, xa que o convenio de colaboración firmado polo Concello de Samos coa Axencia de turismo de Galicia e a Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés para executar actuacións de mellora paisaxística e de promoción da ruta, tiña como data o 15 de novembro para a instalación de ditos puntos.