Mellorará estradas e infraestruturas básicas en sete parroquias de Samos

SarriaXa
O acordo permitirá acometer 14 actuacións con 220.000 euros, beneficiando directamente a máis de 200 veciños
Convenio-de-Samos-Deputacion-de-Lugo
24 Sep 2025

O Concello de Samos levará a cabo un total de 14 actuacións en sete parroquias do municipio destinadas a mellorar estradas municipais e dotacións básicas, grazas a un investimento de 220.000 euros achegado pola Deputación de Lugo. O acordo formalizouse no Pazo de San Marcos mediante a sinatura dun convenio de colaboración.

A maior parte das accións estarán dirixidas ao acondicionamento de estradas en seis parroquias rurais. Entre elas inclúense a mellora do acceso ao núcleo de Gamiz, a conexión de Furela con Estraxiz e varios tramos da vía que conduce a Santalla de Arriba, todos na parroquia de San Xoán Xosé de Santalla. Tamén se rehabilitarán o acceso a Zoó e a estrada que o une con Montán, en Santiago de Zoó. Na parroquia de San Martiño de Lousada actuarase na vía que enlaza Lousada co Franco; en Pascais na estrada que vai a Gontán; e en San Xoán de Loúzara acondicionarase o firme dos núcleos de Bustofrío, Praducelo, Vila do Castro e Parada de Lóuzara.

Ademais destas melloras viarias, o investimento permitirá executar outras intervencións como a substitución das varandas da ponte de Lóuzara por novas de madeira, a renovación do bebedoiro público para animais en Vila do Castro e a rehabilitación do depósito da auga en Formigueiros, coa finalidade de evitar perdas e garantir un subministro eficiente aos máis de trinta habitantes da parroquia.

Na sinatura do acordo participaron o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Samos, Chus López. Tomé destacou que estas actuacións beneficiarán de maneira directa a máis de 200 persoas, incidindo na importancia de mellorar a mobilidade entre parroquias para facilitar o acceso a servizos básicos e contribuír ao equilibrio territorial e ao desenvolvemento económico. O mandatario provincial enmarcou este investimento dentro da cooperación cos concellos, unha liña que a institución aplica de forma transversal a través de proxectos como o Plan Deputación.

⚙ Configurar cookies
0.082154035568237