Samos ofrece unha ruta cultural e unha feira de artesanía con actividades esta fin de semana

SarriaXa
O sábado 9 haberá unha visita guiada polos lugares máis emblemáticos do Camiño Francés, mentres que o domingo a Feira de Artesanía contará con maxia, talleres infantís e un posto do CEIP Samos
Concello-de-Samos-praza-Fiz-Vergara
7 Aug 2025

O Concello de Samos organiza esta fin de semana dúas xornadas de actividades culturais e de lecer pensadas para veciñanza e visitantes.

O sábado 9 de agosto terá lugar un roteiro guiado polo Camiño Francés ao seu paso por Samos, conducido por Xaime Fernández. A saída será ás 18:00 horas desde a Capela do Ciprés e durante o percorrido os asistentes poderán coñecer algúns dos puntos máis emblemáticos da ruta xacobea, como a igrexa románica de San Martiño, o muíño de Fidalgo, o tramo do Camiño entre San Martiño e o Mosteiro descendendo polo barrio de Outeiro, a praza Vergara Vilariño, o antigo acueduto, a Horta da Botica ou a ponte medieval, entre outros enclaves destacados. A actividade é gratuíta e para participar é necesario inscribirse a través do teléfono ou do correo electrónico indicados no cartaz oficial.

Xa o domingo 10, e coincidindo coa celebración da Feira de Artesanía de Samos, haberá unha ampla programación para público infantil e adulto no Campo da Feira.

Ao longo do día, en horario de 12:00 a 20:00 horas, o Mago Antón ofrecerá o seu espectáculo "Mil maxias máis", mentres que o alumnado do CEIP Samos contará cun posto propio no que venderán artigos elaborados a man.

Ademais, a partir das 18:00 horas celebrarase un taller artístico dirixido a nenos e nenas, completando así unha fin de semana chea de propostas culturais no corazón da ruta xacobea.

⚙ Configurar cookies
0.15057492256165