Samos organiza unha masterclass gratuíta de zumba aberta a toda a veciñanza

SarriaXa
A actividade celebrarase o 12 de abril no campo da festa e contará con varias monitoras convidadas
Concello-de-Samos
6 Apr 2026

O Concello de Samos impulsa unha nova actividade deportiva e lúdica coa organización dunha masterclass gratuíta de zumba que terá lugar o vindeiro domingo 12 de abril. A iniciativa busca fomentar a participación da veciñanza a través do exercicio físico e a música nun ambiente aberto e accesible.

A sesión desenvolverase ás 17:00 horas no campo da festa de Samos e estará dirixida por Ana Rodríguez Domínguez, promotora da actividade. Xunto a ela participarán tamén outras monitoras convidadas, como Tania Milos e Linda, que contribuirán a dinamizar a xornada con distintas coreografías.

Desde a organización sinalan que, no caso de condicións meteorolóxicas adversas, a actividade trasladarase a unha zona cuberta, garantindo así a súa celebración. A proposta preséntase como unha oportunidade para que persoas de todas as idades se acheguen á práctica da zumba e desfruten dunha tarde diferente.

O Concello anima á cidadanía a sumarse a esta iniciativa deportiva, pensada tanto para afeccionados á zumba como para quen desexe iniciarse nesta disciplina.

0.11574697494507