Samos promove unha ruta literaria o 7 de setembro con visita ao mosteiro e á capela do Ciprés

O Concello de Samos, en colaboración coa asociación cultural Roxín Roxal de Paderne, organiza para o domingo 7 de setembro unha ruta literaria que permitirá coñecer o patrimonio e a historia cultural da localidade.
A proposta, guiada por Xaime Fernández, técnico da Oficina de Turismo municipal, incluirá paradas en lugares emblemáticos como a Capela do Ciprés e o Mosteiro Beneditino de Samos.
Ao longo do percorrido, os participantes achegaranse á obra e á figura de escritores destacados como Feijoo, Ramón Cabanillas, Sarmiento, Murguía ou Álvaro Cunqueiro, así como a voces actuais da literatura galega como Xabier Quiroga e Xose-Henrique Costas.
A ruta tamén dedicará un espazo ao trobador medieval Martín de Padrozelos, natural do lugar de Praducelo, no concello de Samos. A explicación contará coa colaboración de Dulce Fernández, da Universidade da Coruña, autora dunha tesiña sobre o trobador en 1993. O grupo A Quenlla recuperou as súas cantigas no disco Trobador no camiño, publicado en 2021.
A visita literaria incluirá tamén unha parada na Praza Fiz Vergara, na contorna da Horta da Farmacia, para render homenaxe ao poeta da Lóuzara.
Xa pola tarde, a programación completarase cunha presentación literaria a cargo de Xose-Henrique Costas, que dará a coñecer o seu libro Banu Marwán: a estirpe do galego.
Ademais desta iniciativa, o Concello de Samos anunciou que ao longo do mes de setembro organizará dúas rutas máis: un pola Serra do Edramo, o Castro de Formigueiros e a Necrópole Megalítica de Santa Mariña; e outro polo Camiño Eufrasiano. Ambas propostas serán de carácter gratuíto e estarán dirixidas tamén por Xaime Fernández.