Samos, protagonista pola súa olaría nunha exposición de pezas antigas

SarriaXa
A exposición ‘Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós’ estivo vixente ata o 17 de maio
pezas-olaría-Samos
Barrís de Samos expostos na mostra de pezas de olaría
25 Maio 2024

Por  Jessica Fernández.

O pasado 20 de abril o forno de olería de Samos, concretamente chamado Forno de Lulle que se atopa en Roxofrei, lugar da parroquia de Loureiro, acendeuse despois de non facelo desde 2017, cando se fixo unha fornada histórica na que se acendeu o lume tras 70 anos apagado. Así, cocéronse pezas como remate dun curso de cerámica que se celebrara no Mosteiro de Samos. Os autores deste acendido e anterior recuperación do forno foi cousa de Hixinio Flores, Lolo Fernández, Xaime e Caldas, que defenderon que o forno funciona ben, pero non hai quen o traballe.

Como homenaxe a este forno de olería, o Vello Cárcere de Lugo expuxo ata o 17 de maio unha mostra de pezas cerámicas feitas baixo o nome de ‘Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós’, na que, como indica o título, incluíronse 250 pezas de cerámicas singulares producidas nos fornos de Samos, Gundivós, Bonxe e Mondoñedo. E, de feito, a creación máis antiga da exposición é de Samos, datada en 1706.

Na exposición, puidéronse verse cuncas pratos e cazoliñas-potiñas que estaban sempre presentes nas cociñas galegas como parte dos utensilios utilizados diariamente para comer de forma individual. As cuncas usábanse para servir o caldo e as cazoliñas e potiñas serven para quentar a comida e servila. Tamén se puideron ver pucheiros e pucheiras, utilizados cos seus diferentes tamaños para gardar o leite das vacas e para levar comida a xente que traballaba.

Pola súa parte, entre as pezas tamén houbo xarras, utilizadas para servir auga e viño. Concretamente en Samos, fixéronse xarros moi semellantes aos pucheiros reflexados no dito popular “xarros e pucheiros todo é un” e tamén xarras para auga e para o viño. Ademais, os porróns, que foron substituíndo ás xarras para levar a auga no campo tamén apareceron na exposición. Os barrís, que se producían exclusivamente en Samos, permitían almacenar líquidos. Así como as nateiras, recipientes para bater o leite e conseguir así separar a manteiga. En Samos, concretamente, empregábanse directamente olas de mazar o leite como nateiras.

Falando das olas, tamén están estiveron algunhas na mostra de artesanía do Vello Cárcere, xunto cos asados que se producían só en Bonxe. As olas, pola súa parte, eran parte de Bonxe, Samos e Gundivós, e servían para transportar e almacenar a auga, aínda que chegaron a usarse para gardar todo tipo de produtos, como o viño, o vinagre, o mel, pingo e incluso para mazar o leite.

Outras pezas que se expuxeron foron as ámboas, recipientes de gran tamaño utilizadas para gardar o viño, conservar alimentos como pementos en vinagre e manter nelas o millo e cereais; así como os barreños e barreñas, que se empregaban, os primeiros, para as labores da matanza, para a zorza, etc; e as barreñas para os labores de lavado na cociña e para preparar diferentes alimentos, ou tamén na matanza para recoller o sangue dos porcos.

Con respecto a outros elementos, tamén houbo potes, portas e cazolas, utilizalos na cociña tradicional galega para ir ao lume e cociñar. Concretamente en Samos, fixéronse dúas variantes de potas, unhas con asas atravesadas e outra con asas verticais.

Finalmente, en Samos e Gundivós, a través da olería, chegáronse a construír canos de augas para as conducións, pezas que son moi antigas e que aínda se conservan no Mosteiro de Samos. Ademais, tamén se empregaron tellas para poñer no teito das casas, e apareceron restos destas tellas no lugar do forno das tellas do Mosteiro, na parroquia de Lourido de Samos.

0.073055028915405