Samos recibe ao alcalde de Pontevedra nunha visita institucional centrada na revitalización do rural

A alcaldesa de Samos, María Jesús López, recibiu este martes, 22 de xullo, ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e á tenente de alcalde Eva Villaverde, nunha visita institucional que se enmarca nun intercambio de experiencias entre gobernos municipais do BNG centrados no benestar da veciñanza e a recuperación do rural.
Durante o encontro, Fernández Lores puido coñecer de primeira man as políticas desenvolvidas polo executivo local nos últimos dous anos, un período que a rexedora definiu como “de moito traballo e moita ilusión, no que se recuperou o orgullo de ser de Samos”. A visita permitiu poñer en valor iniciativas como a recuperación de festas populares, actividades culturais para todas as idades, o impulso do obradoiro de emprego ou a incorporación de novas propostas como os cantos de taberna, concertos e obras de teatro.
Entre os proxectos destacados figura a contratación dun guía turístico durante o verán, encargado de realizar visitas por distintos puntos de interese do concello co obxectivo de dinamizar o turismo como ferramenta para fixar e atraer poboación. Tamén se reactivou o roteiro de Fiz Vergara e avanzan os traballos de posta en valor de elementos patrimoniais como a Necrópole de Santa Mariña, o Castro de Formigueiros, a ruta Eufrasiana ou a ruta circular do Carballal. Paralelamente, están en marcha melloras en infraestruturas municipais, como a rehabilitación do pavillón deportivo cun enfoque de eficiencia enerxética.
Outros esforzos salientables foron os investimentos nas zonas verdes e de lecer, como a renovación da piscina municipal, a recuperación da horta da botica, o mantemento de xardineiras e panterres, e a restauración do parque infantil do campo da festa. No ámbito educativo, puxéronse en marcha servizos como o programa de madrugadores, mellorouse o mantemento do CEIP e habilitouse un novo parque máis inclusivo, ademais de actuacións na horta escolar.
O alcalde de Pontevedra amosou o seu “orgullo” polo traballo desenvolvido en Samos baixo o liderado do BNG: “É un orgullo ver como temos aquí unha alcaldesa e un equipo de goberno que traballan sen descanso por e para Samos, e que foron quen de enderezar o rumbo deste concello”.
Lores subliñou que dende os gobernos nacionalistas “seguimos demostrando que, con compromiso, proximidade e proxectos sólidos, é posible construír un futuro mellor en cada recuncho de Galiza, tanto no rural como nas cidades”. A veciñanza, engadiu, amosa unha clara confianza neste novo tempo político liderado polo BNG, que aposta por un Samos dinámico, activo e ao servizo da súa xente.