Samos reclama á Xunta un financiamento digno para o SAF tras aprobar a moción do BNG

O Pleno municipal de Samos deu luz verde á moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego para frear o colapso do Servizo de Axuda no Fogar, unha situación que o grupo nacionalista atribúe á política de infrafinanciamento e abandono mantida pola Xunta gobernada polo Partido Popular. Durante o debate alertouse de que o deterioro do SAF está a poñer en risco a atención ás persoas maiores e dependentes, ao tempo que compromete a estabilidade financeira dos concellos.
Na sesión lembrouse que foi precisamente o BNG quen promoveu no seu día a creación do Sistema Galego de Benestar e do propio SAF como prestación pública e universal. O BNG criticou que “o PP non só renunciou a avanzar, senón que leva anos desmontando o sistema e trasladando o peso económico aos municipios”, unha carga que consideran inasumible para os concellos, especialmente para os do ámbito rural.
O grupo puxo o foco no módulo de financiamento que mantén a Xunta, fixado en 12 euros por hora, unha contía que cualifican de claramente insuficiente se se ten en conta que o custo real do servizo no concello de Samos ronda os 22 euros por hora. O desfase, que debería cubrir o Goberno galego, está sendo asumido polas administracións locais con fondos propios, limitando outros servizos esenciais e agravándose polo feito de que o financiamento permanece conxelado desde 2020, malia o incremento xeral dos custes en combustibles, electricidade e produtos básicos.
A precariedade das condicións laborais das traballadoras do SAF, cun convenio caducado desde 2011 e salarios próximos ao SMI, a dificultade para cubrir baixas e vacacións, a sobrecarga do persoal dos servizos sociais e a desigualdade territorial que afecta con especial intensidade aos municipios rurais conforman un escenario que o BNG cualifica de “inaceptable e insostible”.
Co apoio da maioría da Corporación, o Concello acordou instar á Xunta a aumentar de maneira inmediata o financiamento do SAF ata achegalo ao custo real do servizo e garantir a súa continuidade con estándares de calidade. Reclámase tamén que o Goberno galego asuma integramente o custo das horas de dependencia, recupere as axudas retiradas ás vivendas comunitarias e abra unha negociación seria para aprobar un novo convenio colectivo que garanta condicións laborais dignas e recoñeza como profesionais as enfermidades derivadas desta actividade.
Ademais, o Pleno sumouse á proposta do BNG de impulsar unha transformación profunda no modelo de coidados, abandonando o sistema baseado exclusivamente no cómputo de horas para avanzar cara a un modelo público, integral e centrado nas necesidades reais das persoas. A Corporación enviará esta posición á Xunta, ao Parlamento de Galiza, á FEGAMP e aos concellos da comarca para favorecer unha fronte común en defensa dun Servizo de Axuda no Fogar digno e plenamente financiado.
“O PP leva anos empurrando ás persoas dependentes, ás traballadoras do SAF e aos concellos a unha situación insostible. Xa abonda. É hora de que a Xunta asuma as súas responsabilidades e garanta un Servizo de Axuda no Fogar digno, financiado e pensado para coidar ás persoas, non para aforrar cartos”, concluíu o BNG durante o debate.