Samos recupera o sabor das tradicións coa 2ª Festa das Sopas de Burro Canso

Samos prepárase para celebrar por segundo ano consecutivo unha das festas máis peculiares e saborosas do verán: a Festa das Sopas de Burro Canso. A cita será o domingo 10 de agosto, a partir das 21:00 horas, no campo da festa da localidade, onde veciñanza e visitantes poderán gozar dunha noite de tradicións, boa comida e música popular.
A proposta gastronómica recupera un prato humilde pero moi presente na memoria colectiva: as sopas de burro canso. Elaboradas con pan, leite e azucre, este alimento típico das casas rurais galegas convértese agora na excusa perfecta para reunir á comunidade arredor dunha cea festiva.
Ademais do sabor da tradición, a xornada estará amenizada polo grupo de música tradicional Sureños, que porá ritmo e alegría a unha noite pensada para todos os públicos. A cita está organizada en colaboración co Concello de Samos e coa Asociación de Comerciantes e Empresarios do municipio, que buscan con esta iniciativa dinamizar a vila e poñer en valor a cultura popular.
Dende a organización animan á participación e destacan o éxito da primeira edición, que serviu como punto de partida para consolidar esta festa no calendario estival da comarca. “Queremos que as sopas de burro canso sexan un símbolo do noso xeito de celebrar, de compartir e de manter vivas as nosas raíces”, sinalan.