Samos reivindica o seu papel histórico no Camiño nunha xornada do proxecto “Volver ao Camiño”

SarriaXa
A antiga biblioteca acolleu unha sesión sobre o valor patrimonial do itinerario xacobeo e o legado do mosteiro, coa participación de expertos e representantes institucionais
Samos-antiga-biblioteca-xornada-sobre-valor-patrimonial
30 May 2025

O municipio de Samos converteuse esta semana nun novo punto de encontro do proxecto “Volver ao Camiño”, unha iniciativa promovida pola Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS) co apoio do Ministerio de Cultura, que percorre as localidades do Camiño Francés co obxectivo de poñer en valor o seu legado como Patrimonio Mundial recoñecido pola UNESCO dende 1993.

O acto celebrouse na antiga biblioteca municipal e contou coa benvida da alcaldesa, María Xesús López López, quen agradeceu a asistencia da veciñanza e das persoas convidadas. A seguir tomou a palabra o xerente da AMCS, Maximiliano Barrios Felipe, quen destacou a especial relevancia de Samos como enclave monástico de referencia e evocou a conferencia impartida hai dez anos neste mesmo lugar por Carolina Casal, investigadora especializada na historia do mosteiro. Barrios salientou que este 2025 a AMCS cumpre unha década de traxectoria e agrupa xa 115 concellos, entre eles os membros fundadores da antiga Macomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés. Todos comparten un obxectivo común: protexer o patrimonio xacobeo, mellorar a calidade de vida das comunidades locais, enriquecer a experiencia do peregrino e consolidar o Camiño como motor de desenvolvemento sostible.

Pilar González Santoyo, coordinadora do proxecto, afondou na relevancia da declaración do Camiño como Patrimonio Mundial, repasando os criterios excepcionais que lle outorgan ese recoñecemento internacional e lembrando que debe ser fonte de identidade e orgullo para as poboacións que o atravesan.

O momento central da xornada foi a intervención de Carolina Casal Chico, profesora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, cunha conferencia titulada “De Samanos a Samos, sempre no e polo Camiño”. Ao longo da súa exposición, a historiadora fixo un percorrido pola evolución histórica do mosteiro de Samos, dende a súa orixe no século VII vinculada á evanxelización sueva promovida por San Martiño de Dumio, ata o seu papel como epicentro espiritual, cultural e arquitectónico da Galicia medieval.

Casal explicou o significado simbólico da Cruz de Oviedo atopada nas proximidades do cenobio, detallou as doazóns reais e particulares que sustentaron a institución ao longo dos séculos e destacou a función do mosteiro na rede de acollida monástica beneditina, lembrando que foi un dos grandes puntos de recepción de peregrinos durante a Idade Media. A través de fontes documentais e vestixios arqueolóxicos, amosou como o recinto monástico se foi conformando como un espazo sacro conectado simbólicamente con Xerusalén, contribuíndo á construción dunha identidade cristiá e política nos primeiros séculos da Península Ibérica.

A investigadora tamén alertou sobre os riscos de distorsionar o trazado orixinal do Camiño e da proliferación de rutas sen base histórica. Aclarou que, aínda que o Codex Calixtinus non mencione Samos, este feito responde a circunstancias políticas da época e non resta valor a enclaves coma este, esenciais na historia do itinerario xacobeo.

Esta sesión en Samos forma parte do tramo final de “Volver ao Camiño”, que pechará o seu percorrido o mércores 4 de xuño cun acto especial na Colexiata de Santa María do Sar, en Santiago de Compostela.

⚙ Configurar cookies
0.14546298980713