Samos rende homenaxe ao poeta Fiz Vergara Vilariño na súa casa natal en Lóuzara

Este sábado 10 de maio, a parroquia de Lóuzara, no Concello de Samos, converterase nun espazo de memoria e recoñecemento ao poeta Fiz Vergara Vilariño, unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea.
Coincidindo coa homenaxe, o Concello de Samos levou a cabo diversas melloras na ruta Fiz Vergara Vilariño, incluíndo a reparación de esculturas, a substitución de placas, a mellora da sinalización e a inclusión de códigos QR, co obxectivo de facilitar unha experiencia máis enriquecedora a todos os visitantes que queiran coñecer o legado do autor.
O acto central terá lugar ás 13:00 horas diante da casa natal do poeta, onde se descubrirá unha placa conmemorativa como símbolo do compromiso do municipio coa cultura galega e coa preservación da memoria do escritor. A homenaxe está aberta a toda a veciñanza e ao público en xeral, e conta co apoio de diversas entidades culturais e sociais.
O evento quere poñer en valor non só a obra literaria de Fiz Vergara, senón tamén o seu firme compromiso coa lingua e identidade galegas. Trátase dun recoñecemento que leva tempo xestándose e que agora se fai realidade grazas ao traballo conxunto da comunidade.
A xornada continuará cun xantar conmemorativo ás 14:30 horas na Casa de Aira Padron, ao que poderán asistir todas as persoas interesadas en compartir este momento de lembranza e celebración.
Con esta iniciativa, Samos reafirma o seu compromiso coa cultura e ofrece unha nova oportunidade para coñecer e desfrutar do legado dun dos seus fillos máis ilustres.