Samos renova a sinalización turística e mellora a imaxe urbana da súa capitalidade

O Concello de Samos acometeu nas últimas semanas varios traballos destinados a reforzar a sinalización turística e a mellorar a imaxe da capitalidade municipal. As actuacións incluíron a instalación de novo sinalizado e a renovación doutros elementos, xunto coa eliminación dun punto de feísmo que afectaba á rúa principal, a Avenida de Compostela.
Dentro destas melloras, o executivo local retirou unha marquesiña de parada de autobús situada na citada avenida, unha estrutura que presentaba danos e que ademais reducía de maneira notable o espazo útil na beirarrúa, dificultando así a circulación peonil.
Os traballos financiáronse ao abeiro dun convenio asinado entre a Axencia de Turismo de Galicia, a Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés e os concellos que integran esta entidade, un acordo que permite avanzar na posta en valor dos municipios vinculados á ruta xacobea e na mellora dos seus espazos públicos.