Samos rexeita unha moción do PP sobre o lixo e aproba dúas iniciativas do BNG no último pleno municipal

SarriaXa
O apoio ao sector agrogandeiro e a mellora do Servizo de Axuda no Fogar saen adiante mentres os populares denuncian deficiencias nos servizos e prácticas de censura
Concello-de-Samos
10 Feb 2026

O Concello de Samos celebrou un pleno municipal no que o grupo do PP presentou unha moción centrada na mellora do servizo de recollida do lixo e na súa adaptación á normativa vixente que foi rexeitada polo equipo de goberno. Pola súa banda, o BNG levou ao debate dúas iniciativas que si obtiveron o respaldo da corporación, unha de apoio ás reivindicacións do sector agrogandeiro galego e outra relacionada co Servizo de Axuda no Fogar.

No caso desta última, o grupo nacionalista defendeu a necesidade de reclamar un aumento progresivo do financiamento do SAF tanto á Xunta de Galicia como ao goberno do estado, co obxectivo de que a administración autonómica aboe aos concellos 17 euros por hora con carácter retroactivo desde xaneiro de 2025, que a contía se eleve a 20 euros por hora durante o ano 2026 e que no 2027 se asuman a totalidade dos custes do servizo.

A moción tamén insta á Xunta a promover un novo modelo público de coidados que supere o actual sistema baseado exclusivamente en horas e avance cara a un enfoque integral e personalizado, situando as persoas no centro das políticas sociais mediante a creación dun organismo público semellante ao SERGAS pero orientado aos servizos sociais. Así mesmo, acordouse trasladar esta iniciativa á presidencia da Xunta de Galicia, á Consellería de Política Social e Igualdade, ao goberno do estado, á Fegamp, aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia e aos concellos da comarca, aos que se lles convida a impulsar acordos similares.

Desde o goberno local de Samos manifestaron a súa preocupación pola situación dun servizo que consideran esencial para a veciñanza e destacaron a importancia de garantir unha atención digna e de calidade ás persoas usuarias.

Pola contra, desde o PP cualificaron de “inaceptable e antidemocrática” a situación que, segundo denuncian, se está a producir no centro de maiores do municipio. Os populares aseguran que o goberno local instalou un sistema de control de acceso que funciona como un veto político selectivo, permitindo a entrada a calquera veciño ou veciña pero impedíndolla de maneira exclusiva á súa concelleira. O portavoz popular, Miguel Gallego, afirmou que este abandono tamén se percibe nas condicións das propias traballadoras do centro, que aseguran seguir sen dispor a día de hoxe dun horario oficial e actualizado.

O PP de Samos tamén puxo o foco na situación vivida na aldea de San Cristovo do Real, onde, segundo explican, os veciños permaneceron case un mes sen servizo de recollida do lixo. Gallego sinalou que a veciñanza se viu obrigada a construír un pendello para acumular os refugallos, con molestias polos cheiros e un evidente risco sanitario, mentres o goberno local non ofrecía solucións. Engadiu que, cando se presentaron queixas, a resposta da alcaldesa foi incrementar o recibo do lixo, unha decisión que consideran incoherente ao subir o custo dun servizo que non se estaba a prestar con normalidade.

Desde o grupo popular advertiron finalmente de que non están dispostos a tolerar máis situacións de censura nin o que consideran unha progresiva degradación dos servizos municipais.

⚙ Configurar cookies
0.077282905578613