“Samos ten un potencial inmenso e débese impulsar", destacaron na XXIV Feira de Artesanía

SarriaXa
Moitas persoas achegáronse ao Concello de Samos para desfrutar da cita, organizada pola Asociación de Comerciantes e Artesáns e na que hobuo preto de 30 expositores
Feira-de-artesanía-de-Samos
12 Ago 2024

Este domingo celebrouse a XXIV Feira de Artesanía de Samos, á que acudiron centos de persoas, entre eles a deputada de Muller a Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, xa que a institución provincial colabora con esta cita, organizada pola Asociación de Comerciantes e Artesáns deste municipio, cunha achega económica de 4.000 euros a través de Plan Deputación 2024.

A esta xornada, que reuniu a numerosos veciños e turistas, tamén asistiu o alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena, entre outras autoridades.

O evento, no que participaron preto de 30 expositores, incluíu a lectura do pregón, a cargo da médica de familia e presidenta da Asociación Cultural Peleriños de Sarria, Milagros Núñez e o tradicional xantar.

Ademais, durante toda a xornada a veciñanza puido desfrutar de diversas demostracións de artesanía, obradoiros e actuacións musicais de diferentes grupos folclóricos que amenizaron a cita.

Por outra banda, a alcaldesa do BNG de Samos, Chus López, estivo acompañada polas deputadas autonómicas Olalla Rodil e Montse Valcárcel, así como pola deputada provincial de Cultura Iria Castro, ademais de militantes nacionalistas da comarca.

Tanto Montse Valcárcel como Olalla Rodil mostraron a súa ledicia por poder apoiar esta feira que pon en valor as tradicións desta zona do interior de Lugo: “Samos ten un potencial inmenso e débese impulsar para que sexa un referente na comarca sarriá", sostiveron.

Ademais, aproveitaron a ocasión para destacar a importancia dos oficios tradicionais, que deben “contar con políticas de impulso e apoio para ser un motor de desenvolvemento económico das zonas nas que se desenvolven”.

Con respecto disto, Rodil reclamou “que haxa axudas para que todas as persoas que queiran seguir coas nosas tradicións poidan facelo, cursos e promoción para que estas sabedorías non se perdan”.

Para finalizar, a deputada nacionalista quixo agradecer o traballo que fan os artesáns porque “son os que lle dan sentido a esta feira, un lugar que amosa todo o potencial que temos neste país”.

0.15484094619751