San Cristovo de Lóuzara celebrará as festas na honra á Virxe das Candelas o 31 de xaneiro

A parroquia de San Cristovo de Lóuzara, no concello de Samos, celebrará o vindeiro 31 de xaneiro as festas na honra á Virxe das Candelas cunha xornada marcada polos actos relixiosos, a convivencia veciñal e a música en directo. A celebración terá lugar ao longo do sábado e está aberta á participación de toda a veciñanza e persoas que queiran achegarse ata a localidade.
Os actos darán comezo ás 19:30 horas coa celebración dunha misa solemne. Ao remate do acto relixioso, ofrecerase unha pancetada popular para todas as persoas asistentes, nun ambiente pensado para fomentar o encontro e a convivencia.
A parte festiva continuará coa actuación do Dúo Son de Festa, que será o encargado de poñer a música e animar a noite en San Cristovo de Louzara. Ademais, ao longo da xornada realizarase o sorteo dunha máquina de atar chourizos, unha iniciativa que busca engadir un atractivo máis á celebración.
Dende a organización animan á veciñanza da comarca a participar nesta festa tradicional, que cada ano serve como punto de encontro e celebración comunitaria arredor da Virxe das Candelas.