Sánchez apoia a candidatura do PSdeG en Lugo: “Necesitamos líderes que transformen e iso represéntao Besteiro”
O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE Pedro Sánchez animou a todos os galegos a acudir á cita electoral: “A abstención é a resignación, é que siga gobernando o Partido Popular"
Lugo converteuse este sábado nun escenario clave para decenas de militantes do PSOE que confían en que esquerda consiga o cambio político. O salón de actos da Facultade de Veterinaria acolleu o encontro entre o presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE Pedro Sánchez e o candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro.
No mitin tamén estiveron presentes a número dos da lista do PSdeG pola provincia e vicesecretaria xeral do PSdeG-PSOE, Lara Méndez, e a nova alcaldesa da cidade, Paula Alvarellos. Foi esta última quen lle deu a benvida a Sanchez afirmándolle que Lugo “está contigo” e que a cidade é “un exemplo de boas prácticas”. A nova rexedora tamén tivo palabras para o candidato socialista á Xunta: “Levamos moitos anos esperándote Besteiro. Galicia necesítate moito, por esas políticas que son tan importantes, non podemos esquecernos desas políticas sociais como se están facendo”. Para Alvarellos, el é o encargado de rematar con esta “longa noite de pedra” e “ser o presidente porque como dicía o outro día Zapateiro, tes nome de presidente”.
Lara Méndez foi a seguinte en intervir. “Case 9 anos no Goberno onde Lugo é un referente en sostibilidade urbana, onde é un referente en políticas sociais e onde tamén é un referente en proxectos innovadores para atraer empresas e consolidar as nosas”. Froito dun traballo, en palabras de Méndez, que se fixo “interlocutando con outras institucións agás coa Xunta de Galicia”, que non foi capaz máis que de poñer “obstáculos” para o desenvolvemento de proxectos como o da Ronda Leste ou do plan Paradai.
Méndez acusa ao PP do “exilio político” de Besteiro
A número dous da lista do PSdeG pola provincia quixo destacar a necesidade de cambio para a comunidade, unha transformación da que son responsables “os concellos e non a Xunta de Galicia”. Un argumento que asegura do que tamén está convencido o Partido Popular: “Por iso fai nove anos botáronte Besteiro, porque sabían que ían a perder a Xunta”. Lara Mendez acusou á dereita do “exilio político” de Besteiro e de traballar “sempre baixo a mentira política”, de tal xeito que “non se pode permitir uns dirixentes que mintan á cidadanía, temos que ter dirixentes que sexan boas persoas como é Besteiro”. A excaldesa tamén recordou que dende o seu partido van a seguir colaborando cos distintos concellos, “gobernemos neles ou non porque ti serás o presidente de todos e todas as galegas”.
Pola súa parte, José Ramón Gómez Besteiro iniciou a súa intervención facendo referencia á historia dos socialistas na provincia á que se referiu como “a loita contra o imposible”. “Nesta provincia todo era imposible, era imposible chegar ao Concello de Lugo no ano 99 e fixémolo da man de Orozco”. Continuou referíndose así á Deputación e aos concellos como Meira, Láncara ou Taboada “onde tamén era imposible chegar”. O político lucense asegura que neses municipios están a gobernar “con fórmulas socialistas que miran para a maioría dos cidadáns” e fortalecen “o sistema público de benestar, creando emprego, imos chegar aos 21 millóns de empregos, un dato histórico”.
Sector agrario e residencias públicas
O político amosou o seu “orgullo por liderar a lista da provincia” e recoñeceu que non se trata de “gañar eleccións, senón saber que imos a facer, como imos cambiar a vida das persoas”. O impulso polo turismo, polo sector agrícola e a promesa dun plan de residencias públicas tamén formaron parte do seu discurso no que tampouco esqueceu as necesidades sanitarias. “Eu comprométome a manter as 48 horas da atención primaria se chegamos nós ao Goberno” e poñer fin así á espera de moitos enfermos. Tamén quixo destacar as apostas por distintos puntos da provincia, como o Plan Paradai ou o Museo de Romanización no caso de Lugo, a obra do porto seco de Monforte ou a VAC Costa Norte para Viveiro.
O candidato á presidencia da Xunta asegurou que os socialistas teñen “ambición de cambiar” a comunidade e que son os únicos coa “capacidade de influencia” para conseguir esa mudanza. "Dende o partido popular están a poñer paus nas rodas a non sumarse á acción co Goberno que é a que buscamos nós. O PP non quere e o BNG quere, pero non pode”. Unha capacidade para cambiar que se presenta como “un valor impresionante e que imos a mover nestes 25 días ata as próximas eleccións".
Situación económica do país
Pedro Sánchez quixo apelar a todos os galegos e galegas que están indecisos porque está convencido de que o cambio vai a depender da súa decisión. “Necesitamos líderes que transforman e non administren e iso é o que representa o Partido Socialista e Besteiro”. Deste xeito, o presidente do Goberno cree que cun socialista na Moncloa e outro ao fronte da Presidencia da Xunta, “Galicia o vindeiro 18 de febreiro non roda, Galicia voa”.
Continuar reforzando a sanidade e o estado de benestar forman parte dos obxectivos de Sánchez, que destacou a capacidade para xestionar a situación económica que está a ter o Goberno. “Xestionamos mellor a economía que a dereita porque poñémola ao servizo da xente”. Tamén quixo confirmar que España “vai na boa dirección”, apoiándose en datos como os dos 21 millóns de persoas empregadas, aínda que recoñece que lles quedan moitas contas pendentes nesta lexislatura.
“Dixemos fai 5 anos que íamos lograr que o salario mínimo interprofesional se situara no 60 % do salario medio e este anos volvemos a subir un 5 %”. Revalorizar as pensións conforme ao IPC mantense coma outra das promesas socialistas: “Fixémolo por lei, reconstruímos o pacto de Toledo e tamén dixemos que ao longo destes anos imos encher o peto das pensións". Para concluír, animou a todos os galegos a acudir á cita electoral. “A resignación non é unha opción, a abstención é a resignación, é que siga gobernando o Partido Popular. Se Galicia vota Galicia cambia”. Tratábase da terceira visita de Sánchez a nosa comunidade nas últimas semanas, pois o líder dos socialistas tamén clausurou este domingo a Convención do PSOE en A Coruña e o mércores visitou o astilleiro de Navantia en Ferrol.