Santiago acolle unhas xornadas sobre medios en galego

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Consello da Cultura Galega organiza o próximo luns, día 10 de outubro unha xornada sobre os medios de comunicación en galego.
xornada medios en galego
4 Oct 2022

O Consello da Cultura Galega organiza o próximo luns, día 10 de outubro unha xornada sobre os medios de comunicación en galego, que se desenvolverá nas instalacións do Pazo de Raxoi de Santiago.

Co título Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel e promovida dende a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega, búscase dar a coñecer e analizar a realidade actual dos medios de comunicación escritos en galego en formato papel, a súa resistencia e a súa adaptación nun contexto fortemente marcado pola dixitalización e pola crise económica. Esta adaptación e supervivencia implica un cambio de modelo non só a nivel xornalístico, no que atinxe ao tratamento e presentación da información, senón tamén a nivel de xestión económica e de audiencias, ao mesmo tempo que se convive co formato dixital.

Ademais, esta xornada pretende amosar diversos modelos xornalísticos, dende publicacións culturais cunha longa traxectoria, ata revistas especializadas no medio natural. Tamén se achegan iniciativas promovidas polas novas xeracións en papel a través do fanzine ou de revistas realizadas por centros de ensino.

"A chegada de Internet, e con ela da prensa dixital e das redes sociais a finais do século XX e a súa expansión no século XXI, mudou considerablemente o panorama xornalístico a nivel global e local. Malia o pulo dos medios de comunicación dixitais, en Galicia segue existindo prensa en lingua galega que continúa apostando polo papel. Moitos destes medios son de carácter local ou provincial, pero nos últimos anos apareceron novos proxectos, algún deles de ámbito galego", explican dende a organización.

A sesión terá lugar o luns a partir das 10.00 horas con varias ponencias sobre os medios escritos e a crise do papel, seguido dunha mesa redonda na que terán representación os medios en galego, entre eles o grupo Galiciaxa, que engloba a este medio.

Pola tarde haberá unha ponencia inicial sobre o control da información na era dixital seguido dunha serie de reltatorios.

Consulta o programa no seguinte enlace


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1443989276886