Santo Estevo de Calvor, unha pequena igrexa asentada sobre un castro primitivo

SarriaXa
Santo Estevo de Calvor, unha pequena igrexa asentada sobre un antigo castro primitivo en pleno Camiño Francés
Ig San Estevo portada
21 Ago 2022

A parroquia de Santo Estevo de Calvor, no municipio de Sarria, ofrece aos peregrinos un patrimonio moi valioso.

É unha parroquia moi pequena que na actualidade conta con tan só 88 habitantes. Sitúase no Camiño Francés no punto quilométrico 119,665, a 120 quilómetros de Santiago de Compostela.

Tanto a igrexa coma o cemiterio, aséntanse sobre o primitivo castro que na documentación medieval aparece citado como “Castro Astorica in Villa Calvaria”. Nel pódense contemplar defensas, fosos e antigos terrapléns.

Aquí é onde se xuntan os dous itinerarios que van dende Triacastela a Sarria: o Camiño de San Xil e a súa variante que pasa polo mosteiro de Samos, un dos cenobios máis antigos de España e que mantén viva a súa antiga hospedaría.

As pontes de Perros e Barxa desapareceron no ano 1909 como consecuencia dunha gran riada. Santo Estevo de Calvor atópase ao leste do municipio, en pleno Camiño de Santiago. O núcleo de Pintín é o primeiro lugar do Concello de Sarria da Ruta Xacobea. Foi Jaime Félix López Arias, cronista oficial da vila, quen grazas a un estudo decatouse do patrimonio artístico desta parroquia.

Polo que respecta á actividade asistencial a peregrinos, créese que a última casa do pobo en dirección a Sarria puido servir como hospital de peregrinos. Na actualidade, funciona como pequeno albergue público cunha capacidade para 12 persoas e pertence á Xunta de Galicia.

A IGREXA

O templo parroquial está consagrado a San Pablo e Santo Estevo. Sábese que foi fundado no século VIII por un presbítero de nome Adrián e algúns monxes do veciño mosteiro de Samos, ocupando un solar. Xa no ano 902, o arcipreste Theodonando púxoo baixo a tutela de Samos.

O templo actual é moderno, do século XIX aínda que conserva algúns vestixios románicos. O retablo maior é de estilo barroco nun dos seus corpos e a pila de auga bendita procede dun primitivo capitel de traza visigótica de estilo suevo que posiblemente formaba parte da igrexa primitiva (existe outro capitel da mesma época que foi levado á igrexa de Seteventos).

Ademais desta construción, na parroquia documéntase a aparición de numerosas capelas como a de Nosa Señora da Asunción que se atopa en Aguiada e data do século XVIII, a capela de Nosa Señora do Camiño

que está situada en Perros e conta cun retablo neogótico e a capela de San Salvador que estaba en Barxa pero desapareceu co paso do tempo. Existen ademais dous castros, o de Calvor que conserva os fosos e parte da muralla, e o castro de Allariz no que apareceron restos cerámicos.

A igrexa actual, revocada en branco, debe o seu aspecto a unha restauración levada a cabo hai pouco máis dun século. É de planta rectangular con cuberta en lousa a dúas augas. Construída en cachotaría e ladrillo e revocada e pintada de cor branca, agás nos esquinais, os vans e o arco de medio punto da porta de acceso que son de cadeirado. A porta principal sitúase aos pés do templo, aos seus lados ábrense dous vans rectangulares e sobre a porta un óculo. Espadana de dous vans. No interior salienta unha imaxe da Virxe co Neno situada no altar maior de factura barroca.

Ten dúas campás de distinto ano de fabricación, unha moito máis moderna ca outra.

A primeira delas, cuxo fabricante aparece denominado como Blanco, foi fabricada no ano 1902 e ten unha altura de 68 centímetros e un diámetro de 81 centímetros. Está actualmente en uso e leva a inscrición “Jhs y María año de 1902, Blanco me hizo, Monforte, Soy donación de D.N Antonio Lopez Diaz de Pintín”.

A segunda das campás foi fabricada no ano 2000 por Fundicións Pardo, ten unha altura de 72 centímetros e un diámetro de 80 centímetros. Tamén se atopa en uso na actualidade e a inscrición que leva é “Jhs y María Sta Barbara Fundiciones Pardo Lugo Year 2000”.

Ig San Estevo
calvor5
0.1482241153717