Santy López presenta en Sarria o libro de fotografía 'Vida de amor e enfermidade'

O fotógrafo Santy López presentará este xoves 8 de xaneiro o seu libro Vida de amor e enfermidade nun acto que terá lugar ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Sarria.
A presentación contará coa presenza de Margarita Ledo, Marica Campo, Manuel Darriba e Efrén Castro Caloto, nun encontro arredor dunha obra que propón unha reflexión íntima e profunda sobre a experiencia vital, o corpo e a enfermidade a través da imaxe fotográfica.
O acto conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e xirará arredor dun proxecto no que a fotografía é entendida como unha mirada que nace dende dentro, dende a posición consciente de quen observa, escolle, encadra e decide.
En Vida de amor e enfermidade, ese outro ao que se dirixe a imaxe é ao mesmo tempo o propio autor, que constrúe un compendio do seu modo de fotografar o mundo e compartilo cos demais. As fotografías, moitas delas publicadas anteriormente na prensa e agora reunidas en formato libro, van tecendo unha relación emocional co corpo ferido, coa máquina fotográfica e co espazo hospitalario, presentado como un dispositivo cotián destinado a sandar.