Sara Ruiz continúa dando pasos na súa investigación sobre a rata toupa

Sara Ruiz, investigadora de Triacastela, leva anos estudando o comportamento da praga da rata toupa, que provoca perdas de económicas a gandeiros e agricultores da montaña. Así, o seu estudo Late prenatal development of the olfactory and vomeronasal systems in a wild rodent: The fossorial water vole, vén de ser publicado na revista científica internacional Tissue & Cell, considerada unha das máis relevantes a nivel mundial no ámbito da anatomía.
A investigación afonda no desenvolvemento embrionario dos sistemas olfactivo e vomeronasal da rata toupa, fundamental para que o animal poida interpretar sinais químicas como feromonas ou cairomonas. Os resultados evidencian que esta especie presenta unha maduración prenatal acelerada destes sistemas, algo pouco habitual e que noutros animais correspondería a fases máis adultas.
Segundo explica a investigadora, este achado abre novas vías de estudo, xa que ata o momento apenas existían referencias científicas sobre a rata topo en condicións naturais. Ademais, subliña que o sistema vomeronasal pode ser clave para comprender o comportamento destes roedores e mesmo contribuír a desenvolver estratexias para controlar a súa reprodución.
No marco do proxecto tamén se levarán a cabo probas de campo en parcelas cedidas por gandeiros de Triacastela, co obxectivo de comprobar a aplicación práctica dos resultados. As primeiras impresións apuntan a resultados prometedores.
A autora, que conta para o desenvolvemento do seu traballo a dirección de Pablo Sánchez Quinteiro e a colaboración de Irene Ortiz Leal, destaca a imaxe de portada da revista, a unha técnica inmunohistoquímica realizada no departamento de Anatomía da Facultade de Veterinaria do Campus Terra, en Lugo.