Sarria acolle a décima edición do Memorial Pedro Canoa

SarriaXa
Seguindo a paixón polo fútbol base, máis de 70 equipos de 20 clubes daranse cita no campo da Ribela entre o 6 e o 8 de xuño
Torneo-memorial-Pedro-Canoa-Sarria-2024
Real Sporting de Gijón celebrando ser campión na categoría infantil do Torneo Memorial Pedro Canoa de Sarria
4 Jun 2025

O campo municipal da Ribela, en Sarria, converterase do 6 ao 8 de xuño nun escenario de fútbol, convivencia e homenaxe coa celebración do X Torneo Memorial Pedro Canoa organizado pola SD Sarriana..

Esta décima edición reunirá arredor de 900 mozos e mozas de máis de 70 equipos de 20 clubs das categorías prebenxamín, benxamín, alevín e infantil, nunha competición que combina fútbol-8 e fútbol-11 e que promete emocións fortes durante tres días consecutivos.

O venres, 6 de xuño, será a quenda dos equipos prebenxamíns, mentres que o sábado 7 xogarán os conxuntos benxamíns e alevíns, e o domingo 8 pechará o torneo a categoría infantil.

O torneo busca manter viva a memoria de Pedro Canoa, persoa moi vinculada ao fútbol local e lembrada pola súa paixón e entrega. Desde hai unha década, este evento serve como tributo e como impulso ao deporte base, fomentando o compañeirismo, a amizade e os valores do xogo limpo.

Ademais da parte deportiva, o Memorial Pedro Canoa convértese cada ano nun punto de encontro para familias, adestradores e afección, que atopan nesta cita unha oportunidade perfecta para compartir a súa paixón polo fútbol nun ambiente festivo e saudable.

Este evento deportivo conta coa colaboración do Concello de Sarria, a Deputación de Lugo, a Federación Gallega de Fútbol e Cruz Vermella.

⚙ Configurar cookies
0.16854810714722