Sarria acolle a exposición Manuel Rodríguez López 2.0
O concello de Sarria acolle ata o venres 28 de outubro na Antiga Prisión Preventiva – Oficina Municipal de Turismo, a mostra Manuel Rodríguez López 2.0.
Nesta nova edición a exposición sobre a vida e obra do escritor de Paradela contará cun novo deseño gráfico, contidos actualizados e reestruturados e un acceso inmediato a contidos multimedia adicionais a través de códigos QR.
A mostra forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López e conta co apoio do concello de Paradela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e a Real Academia Galega.
Esta nova exposición foi posta en marcha este ano como parte das celebracións polos 200 anos do concello de Paradela.
A exposición orixinal percorreu dende 2013 máis de 21.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e vilas galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Estremadura e os Centros Galegos de Santander, Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Sevilla ou Pamplona, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e ás Universidades do Miño (Braga) e Algarve (Faro).
Esta nova mostra continuará a súa andaina este ano percorrendo o Camiño Francés dende Pedrafita ata Santiago. Está composta por doce paneis, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes en Cataluña.