Sarria acolle a IX Estremonía Cantada o 29 de marzo

O Concello de Sarria, en colaboración coa Asociación Cultural Peleriños e a Sociedade La Unión, organiza a IX Estremonía Cantada, un evento musical que terá lugar na vila o sábado 29 de marzo.
A cita reunirá grupos de ata 10 persoas que percorrerán diferentes locais interpretando pezas musicais, cun repertorio preferiblemente tradicional.
A inscrición está aberta ata o 7 de marzo ás 23.30 horas e realizarase por orde de contacto coa organización a través do correo electrónico acpelerinos@gmail.com ou do teléfono 620 37 63 29 (Alba).
O punto de encontro será ás 17.45 horas no local da Sociedade La Unión, situado na rúa Matías López 19. Os grupos deberán interpretar un mínimo de dúas cancións en cada local, cun tempo máximo de 30 minutos, seguindo a ruta establecida pola organización. Está permitido o uso de instrumentos, pero todas as pezas deberán ser cantadas.
Os participantes serán convidados a unha consumición en cada taberna e á cea final na Sociedade La Unión. Tras a cea, cada grupo interpretará unha peza e recibirá un agasallo de participación. O evento contará, ademais, coa actuación da Cé Orquestra Pantasma.
Con esta iniciativa, Sarria continúa promovendo a música tradicional e a convivencia a través da cultura popular, consolidando a Estremonía Cantada como unha cita imprescindible no calendario festivo da vila.