Sarria acolle dende o venres o festival Ultreia et Suseia

SarriaXa
O municipio de Sarria acolle dende o 22 de xullo e ata o 13 de agosto o festival Ultreia et Suseia con distintos concertos e exposicións
ultreia suseia
18 Xul 2022

Unha morea de concertos, encontros, exposicións fotográficas, narrativa, comedia e artes visuais chegan a Sarria dende o próximo venres 22 coa idea de establecer en Galicia un evento que xire polas súas vilas ao redor da cultura galega e teña como elemento de unión o Camiño de Santiago. As actuacións prolongaranse ata o 13 de agosto.

O día 22, Goyo Jiménez será o encargado de amenizar a noite cun dos seus monólogos (as entradas para este evento e para o de Carlos Blanco, únicos de pago de todo o festival, xa están á venda en https://entradas.ataquilla.com).

O venres 29 de xullo terá lugar o encontro '30 anos no Camiño', no que participarán Jose María Díaz, propietario do establecemento Peregrinoteca situado no Camiño de Santiago e que vende os seus produtos a todo o mundo, Jose Manuel Mejías Leiva, peregrino que deixou a súa vida para montar un negocio no Camiño e Jéssica Moro e Markin Voogt, propietarios do albergue ecolóxico 'El Beso', en Triacastela.

Ese mesmo día o público poderá desfrutar ás 21.30 horas no parque de Santa Mariña a comedia 'Sen restricións' que une humor e un pouquiño de música.

Celebraránse distintas narracións orais coma a de Ángeles Goás, 'O medo é libre' que terá lugar o 09 de agosto ás 21.00 horas. Un espectáculo composto por unha selección variada de contos propios e de tradición oral. Trata a temática do medo, unha emoción coñecida por todos por ternos atopado con el nalgún momento da nosa vida. Ou a de Ana Carreira, 'Na punta da lingua' que terá lugar o día 12 ás 20.00 horas no parque do Chanto. A bela e a besta, O ganso de ouro, Os tres desexos dos leñadores. E, sempre, na punta da lingua aparece un cambio, unha retranca, un xeito de ver.

Tamén haberá o sábado 13 de agosto a andaina 'Camiñografías' que partirá ás 12.30 horas da praza do Concello. O día comezará cun paseo teatralizado pola localidade levado a cabo por César No, Ernesto Is, Nerea Brey, Javier G. Lojo e Mr. Brandán & CO. Será unha experiencia inmersiva onde se poderán descubrir as realidades históricas de Sarria.

Ademais, este fin de festa de Ultreia et Suseia incluirá a actuación en directo dos vigueses Caldo, unha formación que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Camiñografías pechará coa pinchada de Jorginho DJ e JLG cun xantar popular onde se espera que toda a localidade salga das súas casas a pasalo en grande.

0.2463219165802