Sarria acolle este sábado o II Open do Camiño como primeiro gran evento galego de taekwondo de 2026

A vila de Sarria converterase este sábado, 10 de xaneiro, nun dos principais focos do taekwondo galego coa celebración do II Open do Camiño Vila de Sarria, unha competición organizada pola AC Taekwondo Sarria que inaugura o calendario oficial da Federación Galega de Taekwondo en 2026. O evento terá carácter rankeable na categoría, permitindo aos deportistas sumar puntos de cara á Selección Galega, ao tempo que reforza a aposta pola formación e a participación inclusiva.
Xunto á competición oficial, o Open incluirá unha modalidade pensada para achegar o taekwondo a deportistas que non adoitan competir pero que queren vivir a experiencia. Esta parte da xornada, que se desenvolverá pola tarde, non será puntuable e combinará probas individuais e por equipos, cun formato especialmente novidoso na modalidade de poomsae por equipos de cinco integrantes, que se celebrará por primeira vez en Galicia. Ademais, o campionato contará tamén con probas de parataekwondo, abrindo a participación a persoas con discapacidade federadas, nunha liña que busca consolidar o taekwondo como un deporte accesible para todos.
A competición incluirá diferentes modalidades como poomsae, técnica e free style, esta última acompañada de música e elementos acrobáticos, o que achega un compoñente máis vistoso ao programa.
A organización confirma que xa hai máis de 300 deportistas inscritos, pertencentes a clubs de toda Galicia e tamén doutras comunidades, un feito que supón un importante impulso para Sarria e para a proxección deportiva da comarca e da provincia de Lugo.
Desde o club organizador destacan a importancia de atraer participantes doutros territorios, tanto polo nivel deportivo como polo impacto positivo que ten para dar a coñecer Sarria como referencia crecente no mapa do taekwondo galego. Tamén subliñan o apoio recibido por parte do Concello de Sarria, que colaborou coa cesión do pavillón e cos trofeos, así como a implicación das familias, cuxa axuda resulta clave para sacar adiante un evento destas dimensións.