Sarria acolle o 28 de febreiro unha nova carreira de resistencia da Liga Galega de Moto de Campo

SarriaXa
O Polígono do Morelle volverá converterse no epicentro do motor cun circuíto técnico, rápido e cheo de obstáculos
Rutaa-4x4-comarca-de-Sarria-2024
31 Jan 2026

O sábado 28 de febreiro, o Polígono do Morelle, en Sarria, volverá encherse de motores coa celebración dunha nova carreira de resistencia da Liga Galega de Moto de Campo. A proba promete unha xornada cargada de emoción e adrenalina, cun percorrido amplo, rápido e técnico, no que non faltarán obstáculos naturais e artificiais.

Na competición poderán participar todos os pilotos que dispoñan do seguro anual da Liga Galega de Moto de Campo ou, alternativamente, aqueles que soliciten o seguro de día a través da páxina web da Liga no momento de formalizar a inscrición. As motos participantes deberán superar os 124 centímetros cúbicos e cumprir as medidas de seguridade recollidas no regulamento oficial.

A xornada dará comezo coas verificacións técnicas, que se realizarán entre as 10:00 e as 12:00 horas. A continuación, celebrarase a carreira infantil de 12:30 a 13:30 horas. Ás 14:00 horas terá lugar a volta de recoñecemento, e media hora máis tarde, ás 14:30 horas, darase a saída á carreira principal. O evento está previsto que remate arredor das 17:00 horas.

En canto ás categorías, haberá competición por parellas, cunha duración de dúas horas e media e relevos cada 25 minutos, distribuídas nas categorías TOP 40, TOP 60, TOP 80, TOP 100 e Mixto, esta última con parellas nas que participe polo menos unha muller. Tamén se disputarán probas individuais cunha duración de unha hora e quince minutos, nas categorías Élite, Junior (ata 23 anos) e Senior (a partir de 35 anos).

O programa complétase coas categorías infantís: 50 CC, cunha duración de 15 minutos; 65 CC, con 30 minutos de carreira; e Open, tamén de 30 minutos.

O regulamento completo pode consultarse na páxina web da Liga Galega de Moto de Campo, onde en breve se abrirá o prazo de inscrición. Desde a organización animan ao público a achegarse ao Polígono do Morelle para gozar do espectáculo, apoiar aos pilotos e vivir unha intensa xornada de motor en directo.

⚙ Configurar cookies
0.072451829910278